O valor dos hórreos na paisaxe galega

O valor dos hórreos na paisaxe galega
13 de Xuño, 2024 - 08:33 h. | Publicada por Radio Fene

Unha exposición arredor dos hórreos inaugurase este venres 14 de xuño ás sete e media da tarde no Centro Recreativo Cultural de Corcubión. Unha iniciativa impulsada por Radio Neria e o Concello de Corcubión, contando coa colaboración de Son Radiofusión e EMUGA.. As cantareiras As Rinchonas actuarán no acto de inauguración da mostra.

Fotografía Xan Xe

A través das fotografías de Xan Xe, das creacións de Juan Sobrino, Andrea Pena, Verónica Garcia, Alejandro Coedo, Malena Carballo e dos alumnos e alumnas de Laudas Calamity. Coa carpintería de Antonio García, e comisariada por Laura Bouza, a imaxe do hórreo volve ser o centro da arte, a verdadeira realidade. No Casino poderemos desfrutar dunha exposición froito dun traballo de “descuberta” de hórreos localizados nunha zona de Ferrolterra, dos que un grupo de artistas consagrados, e outros en formación, teñen feito unha reinterpretación artística, a través de diversas técnicas, dunha das construcións máis emblemáticas da xeografía galega. A mostra está organizada por Son Radiofusión e o Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity  coa colaboración do Concello de Corcubión a Deputación de A Coruña e do Centro Recreativo Cultural  de Corcubión. 
Os organizadores indican que “desde o punto de vista arquitectónico, o hórreo foi a dependencia máis importante da casa labrega, a de maior interese espacial e construtivo e na que se manifesta o sentido plástico e mesmo a fantasía. Constitúe, unha das achegas máis significativas á hora de conformar a paisaxe galega e un elemento peculiar da nosa xeografía”. 
Un elemento arquitectónico referencial que recibe, ao igual que a choiva, nomes diferentes segundo as zonas e as súas feituras: cabaceira, cabaceiro, cabazo, canastro, canizo, celeiro, espigueiro, palleira ou piorno. Unha construción, á que, sen embargo, non se lle ten dado a importancia que se merece pero que empeza a ser reivindicado a través dun movemento (Rede Hórrea) que quere que se recoñezan os hórreos como patrimonio cultural inmaterial da humanidade. Ao fin estas singulares edificacións teñen sido protagonistas de lendas, ritos, traballos asociados e mesmo teñen propiciado celebracións musicais como as foliadas son parte da riqueza que rodea estas edificacións. 
O acto de inauguración, cuxo acceso será libre e gratuíto, será a partir das 19,30 horas do venres 14 de xuño, nas instalacións do Casino de Corcubión, e contará coa actuación das Cantareiras As Rinchonas de Corcubión, así como a presenza de organizadores e autoridades.

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora