O viño tostado, dos mellores de Europa

Viño tostado, dos mellores de Europa
19 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

O viño tostado é unha das nosas glorias, con 600 anos de historia, que case desaparece pero que volveu recuperarse coa denominación de orixe “Viño tostado do Ribeiro” desde o ano 2004.

Cita o viño tostado Tirso de Molina, quen para moitos era un xudeo converso de Ribadavia. O tostado é un viño doce que colleu moita sona a finais do século XIX e principios do XX. A súa elaboración está ligada ás casas fidalgas e casas grandes que o utilizaban para autoconsumo en ocasións especiais; celebracións, festas, partos, ou para facer regalos. Dábase aos que ían morrer para que no tránsito levaran un sabor doce na boca. Era pois un viño de representación e rango social que entrou en decadencia ao tempo que foron esmorecendo as poderosas casas que o elaboraban. Fausto Galdo cita entre esas casas, os tostados de Rafael Santoro de Cuñas e o de Saturnino Retuerta de Ribadavia. O viño tostado facíase con uvas de sempre como a treixadura, a brancellao, a albariña ou as de verdello vello, cepa común dos viños de Madeira, que agora non se planta.

As uvas debían recollerse moi maduras e deixábanse pasar, penduradas a cuberto en pendellos ata o inverno. Ao comezo da primavera procerdíase ao prensado da uva e á fermentación. Logo o viño maduraba en recipientes de madeira antes do seu consumo. En Valdeorras presumen de facer un bo tostado, coa variedade autóctona Godello, de gran calidade, equiparable aos Portos do veciño Portugal.  Unha curiosidade é que en 1900 o noso tostado tivo moito éxito na Exposición Universal de París.

O historiador Xavier Castro ven de publicar en decembro de 2020 o libro "Tostado, el vino noble de Galicia" onde o defende como un tesouro de 600 anos de historia e difícil de elaborar. "Faise en Galicia dende a Idade Media. Hai historiadores que atoparon evidencias de que viaxou a América nas adegas das naves de Colón" explica este autor quen nos advirte de que case se perde, víctima do pouco aprecio que hai nesta terra polo noso. Sigue decindo Castro que "É un viño difícil de elaborar. Feito coas mellores  uvas, normalmente de treixadura, pendúranse acio a acio durante meses. Xa seco, fermenta en barrica primeiro e en botella despois, de tres a oito anos. Queda pouco líquido polo que dá cinco veces menos que un viño normal. É un traballo artesanal para un producto gourmet (o precio medio da botella oscila entre os 40 e os 80 euros). É un dos mellores viños de Europa, por diante do Oporto ou do Jerez, xa que é totalmente natural. Ten quince grados, pero pola súa elaboración non precisa que alcol engadido".

Rematamos cuns versos que Eladio Rodríguez, un dos fundadores da RAG, lle dedica ao viño tostado:

“ Da loura treixadura,

que sabe mesmo a gloria que é un primor

colle o viño tostado a súa dozura

e toda a súa melura

milagre de El Señor.”

Cultura

Publica o teu comentario agora