O Xacobeo Raíces chega a Ferrol da man de Cristina Pato e Mutenrohi

O Xacobeo Raíces chega a Ferrol da man de Cristina Pato e Mutenrohi

10 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A gaiteira Cristina Pato e a banda Mutenrohi suben hoxe ao escenario do Jofre. O concerto, previsto para as nove da noite, encádrase dentro do programa Xacobeo Raíces. Prezo das entradas: 8, 6  e 4 euros.

Nove anos despois do seu último disco en solitario, Cristina Pato vén de lanzar un novo traballo, The Galician Connection, un disco íntimo, maduro e introspectivo que amosa a súa madurez e evolución e cuxos temas se poderán escoitar no Jofre. Gravado entre Nueva York, Madrid, Galicia e Lisboa conta con 12 temas de autor compostos non só por ela mesma senón tamén por Víctor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato, entroutros. Trátase, en defintiva, dun disco moi persoal e sinceiro que conecta a gaita  galega coa música contemporánea con temas como Caronte, Lamento ou Meniña Gaiteira, as vangardas ou o jazz, e que inclúe tamén temas pop como Rubias envidias.

Así mesmo, “The Galician Connection” amosa o outro lado de Cristina Pato acompañada ao piano e coas voces de Rosa Cedrón e a mezzo Patrice Jegou. Este último traballo supón o principio dunha nova etapa na carreira dunha das artistas galegas con máis proxección internacional, pioneira en canto ao trato e uso da gaita galega como instrumento global.

Pola súa banda, Mutenhohi, que fixera unha xira conxunta con Cristina Pato nos anos 2006 e 2007, continuará en Ferrol coa presentación do seu sétimo disco Sete, unha fusión do pop coa música tradicional no que amosan a paixón e música de Galicia en estado puro. A formación estase a consolidar como unha das bandas galegas con máis proxección internacional e ten actuado en diversos festivais de Francia ou do Reino Unido, entroutros.

O seu novo traballo discográfico está composto por 11 novas cancións e dous temas rescatados dun directo, entre os que destacan unha versión de A Lavandeira coa inconfundible gaita de Cristina Pato e a voz de Eva Carreras, ou a versión en directo xunto á Banda de Gaitas de Cea do mítico tema de Dan Ar Braz Greenlands.

Sociedade