O xogo con terceiro tempo

O xogo con terceiro tempo
01 de Febreiro, 2021 - 12:27 h. | Publicada por Radio Fene

A pesar do nome, Fendetestas, no equipo de rugbi pontés e na súa escola, só atoparemos deportividade. É un deporte de contacto pero o respecto é innegociable.

ESCOITA O PODCAST:

Dí un refrán británico: “O fútbol é un xogo de cabaleiros xogado por viláns. O rugbi é un xogo de viláns xogado por cabaleiros”. Non é tarde para descubrir que o rugbi destaca polo respeto ás reglas que deben seguir, tanto os xogadores como o público. As decisións do árbitro rara vez son discutidas polos xogadores. Este deporte fomenta a sociabilidade de tal xeito que é habitual unha reunión cordial entre rivais, entrenadores, árbitros e parte do público, unha vez rematado o partido para falar sobre el. É o que chaman o “terceiro tempo”.

Como deporte de contacto que é, a pandemia ten o rugbi baixo vixiancia. Fixámonos no Fendetestas de As Pontes para falar con Xosé Cendán deste deporte e da situación pola que atravesan. O equipo senior está parado, non pode adestrar pero a escola e a academia siguen traballando, aínda que sexa virtualmente. “Uns 70 rapaces continúan fieis a pesar do ano complicado que vivimos” afirma Cendán quen nos traslada que fan adestramentos virtuais e encontros semanais de carácter lúdico-formativo. Xogan por exemplo a un trivial sobre regulamento ou sobre a historia do club e fan concursos familiares. Para esta semana teñen programado un encontro de Antroido cos rapaces disfrazados. “Un dia á semana comprobamos como van os adestramentos, aínda que é dificultoso facelo virtualmente” conclúe Cendán Montero.

O Rugbi-Ferrol da División de Honor B, que non xogou a semana pasada, ten moitas posibilidades de salvar a temporada sen apuros. Facendo gala desa deportividade que se presume a quen practica o rugbi, Xosé Cendán, só ten loubanzas para o equipo ferrolán que, segundo o pontés, traballou moi ben a canteira, os xuvenís que subiron teñen moito nivel e acertou nas novas incorporacións.

"O espíritu deportivo". Esa é a grande virtude do rugbi, en palabras de Cendán, para quen xogar e divertirse son o fundamento deste xogo onde “o respeto é absolutamente innegociable”.

 

(Na imaxe, Xosé Cendán Montero, en pleno xogo)

Deportes

Publica o teu comentario agora