Obama chama a Sanxenxo

Obama chama a Sanxenxo

06 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

As posibilidades de que España pida o denominado "rescate blando" semella que aumentaron nesta xornada do luns. Segundo o voceiro da Casa Blanca, Obama chamou a primeira hora desta tarde a Mariano Rajoy en Sanxenxo (Pontevedra) "para discutir as condicións económicas da eurozona".

O presidente norteamericano, Barack Obama, chamou hoxe por teléfono ao xefe do Executivo español, Mariano Rajoy, que se achaba de vacacións na súa residencia de Sanxenxo. Ambos falaron, eminentemente, sobre a situación económica de España e a Unión Europea; sobre a guerra civil en Siria; o conflito en Sudán, e "diferentes cuestións relativas ás relacións bilaterais?, segundo un comunicado da Moncloa.

A chamada chega nunha xornada na que os mercados apostaron por que España pida un segundo rescate, despois de solicitar unha axuda de 100.000 millóns de euros para sanear a banca. O venres, a Moncloa anunciou que Rajoy íase "uns días" de vacacións a Galicia, onde agora se atopa. Obama, pola súa banda, cancelou as súas tradicionais vacacións de dúas semanas en Martha's Vineyard, unha illa en Massachusetts.

Tanto a Moncloa como a Casa Branca confirmaron a conversa, que durou aproximadamente media hora e que comezou ás 10.40 en Washington, as 16.40 na España peninsular. Moncloa asegura no seu comunicado que Rajoy detalloulle a Obama os esforzos do "Goberno e dos españois para reducir o déficit público e desenvolver un programa ambicioso de reformas estruturais".

Sociedade