A obra Bajo mi cama una estrella abre a programación teatral

A obra Bajo mi cama una estrella abre a programación teatral

16 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, abrirá esta fin de semana a súa programación teatral infantil para esta tempada. Será mediante o ciclo de teatro Galicia Móvese que traerá ata As Pontes cinco dos mellores espectáculos tetarais para o público infantil que, nestas semanas, están de xira por toda Galicia.

Este mesmo domingo e tamén o luns, no auditorio municipal Alovi, presentarase  a montaxe Bajo mi cama una estrella, da compañía La tirita Teatro, unha formación experta en monicreques e procedente de Albacete que presentará en dúas sesións, unha delas para escolares, este espectáculo, o último dende a súa creación e 1993 e que conta cun amplo repertorio de textos coma La cueva del dragón, Caperu… cómo? ou El Romeo y la Julieta, todos eles cos monicreques coma protagonistas e co público infantil como destinatario.

Desta vez traen ata As Pontes, por primeira vez, Bajo mi cama una estrella, a historia dun neno de nome Miguel, valente tan só de día, coa luz do sol xa que, coa chegada da noite, vólvese un mixiricas namorado da lúa que, coma todos os nenos ten medo aos monstros do armario ou aos que temos baixo da cama.

O domingo ás 18.00 horas dará comezo este espectáculo ideado por esta formación e dirixido por Alberto Alfaro. Paco Úbeda e Germán Scasco encárganse da manipulación destes monicreques. As entradas para a única sesión aberta a todo o público poranse á venda o venres entre as 12.00 e a 13.30 e o domingo dende as 16.30 horas ata o inicio do espectáculo. O seu prezo será de 1,50 euros para os menores de 12 anos e de 3 euros para o resto. Asemade, o luns, ás 11.00 horas e no mesmo escenario terá lugar un segundo pase tan só para o público escolar, de 3 anos, e que subvencionará a coordinadora de anpas Abrente.

Cultura