A obra de Margarita Cimadevila mostra en Sotavento o traballo esquecido de 12 mulleres científicas

A obra de Margarita Cimadevila mostra en Sotavento o traballo esquecido de 12 mulleres científicas

04 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Parque Eólico Experimental Sotavento acollerá a exposición “Ciencia ex aequo”, composta por 12 obras da pintora sadense Margarita Cimadevila, na que amosa os distintos avances científicos e descubrimentos de mulleres que traballaron no campo da física, da matemática e da química. A mostra poderase ollar no centro xermadino ata o vindeiro 30 de xuño.

O acto de apertura contou coa presenza do director do Instituto Enerxético de Galicia, (Inega), Eliseo Diéguez García, quen foi o encargado de abrir o acto de inauguración de “Ciencia ex aequo”. Diéguez afirmou que esta mostra “plasma o mundo da enerxía e a ciencia a través da arte, rendendo ademais unha merecida homenaxe ás mulleres científicas, cuxa labor non sempre estivo o suficientemente recoñecida, co que é preciso por en valor os seus méritos”.

Pola súa banda, Margarita Cimadevila presentou a súa exposición cunha clase maxistral onde explicou os  méritos das diferentes mulleres científicas e o por qué da plasmación do seu traballo nos seus cadros. A artista plástica galega dedicou os seus lenzos a Lisa Meitner, que traballou sobre a fisión nuclear; Ida Tackle, quen foi a descubridora dun elemento químico, o Renio; Annie Cannon, que creou o sistema de catalogación de estrelas en función do espectro de cores; Cecilia Payne, astrónoma que descubriu que as estrelas estaban formadas por hidróxeno e helio; Chien Shiung Wu; que formulou a teoría da no conservación da paridade; Marguerite Perey, quen descubriu o elemento químico número 87: o Francio; Rosalind Franklin, que obtivo en 1958 a fotografía na que se vía que o ADN tiña unha estrutura helicoidal; Nettie Stevens, que amosou que o sexo estaba unido aos cromosomas; Jocelyn Bell, descubridora dos oúlsares; Emmy Noether, que enunciou o teorema matemático de Noether e sentou as bases da teoría da relatividade e Inge Lehmann, que descubriu o núcleo interno da terra.

Cimadevila, que ademais de pintora é profesora de química no IES Urbano Lugrís   de A Coruña, admitiu que esta mostra pretende “amosar a relación entre a ciencia e a arte; así como levar a cabo un labor divulgativo e didáctico, a través dun material gráfico útil para a docencia e permitindo a difusión do carácter transversal da ciencia e a arte e por en xusto valor o papel da muller na ciencia.

A pintora emprega materiais reciclables como sabas vellas, redes ou outros materiais, para elaborar os seus cadros. Actualmente está a traballar na súa vindeira exposición, que versará sobre homes que colaboraron con mulleres científicas.

Ao acto asistiron alumnos de 1º de bacharelato do IES Francisco Aguiar de Betanzos, así como unha Asociación  de Mulleres de Xermade.

Cultura