Obras en marcha

Obras en marcha
09 de Xullo, 2024 - 02:36 h. | Publicada por Radio Fene

Avanzan as obras de mellora en varios viais do entorno do Campo de Fútbol de Perlío, informa o Concello de Fene. Conflúen na zona dúas actuacións complementarias de mellora de viais, que afectan aos camiños Castro, Beiramar, Loira e Carballás, no entorno do Campo de Fútbol de Perlío. O concelleiro de Obras, Manuel Polo, realizou esta mañá unha visita á zona para supervisar o desenvolvemento dos primeiros traballos e avaliar a súa importancia para a veciñanza do lugar.

Manuel Polo destacou que estas actuacións “son esenciais para garantir a seguridade e comodidade da veciñanza destes camiños”. Nos camiños de Loira e Carballás, así como no entorno do Campo de Fútbol de Perlío, levaranse a cabo traballos de perfilado e refinado dos bordes exteriores, cunetas e pasos salvacunetas, para aplicar posteriormente unha capa de rodaxe en boa parte do trazado, no que o paso do tempo provocou a erosión co consecuente mal estado actual do firme. Nos camiños Castro e Beiramar procedeuse á substitución das redes de saneamento e abastecemento, para posteriormente realizar unha pavimentación en formigón para uso peonil, que se completará co asfaltado e posterior pintado das marcas de sinalización viaria correspondentes.

Institucional

Publica o teu comentario agora