Obras son amores

Obras son amores
20 de Decembro, 2024 - 06:30 h. | Publicada por Radio Fene



“Temos moita obra contratada, en marcha ou en tramitación para saír nos próximos meses”, anunciou o concelleiro de Obras de Fene, Manuel Polo, que pasou revista en Radio Fene á actualidade municipal. 

ESCOITA O PODCAST:

“En nada a veciñanza poderá solicitar as acometidas e ter auga da billa da traída”, destaca o concelleiro de Obras sobre os traballos para dotar á totalidade da parroquia de Limodre deste servizo básico. O Concello de Fene ten en marcha outras actuacións en obra pública como un novo tramo no Campanario, a renovación de augas en Tellerías, obras a punto de comezar na rúa Travesas, está rematándose o proxecto no Castro, Beiramar e Carballás e nas previsións para o novo ano apunta Manuel Polo “outra cantidade importante de diñeiro en obra pública para o concello de Fene, xa temos o POS 25 aí, que aprobaremos en febreiro”. O Goberno tamén proxecta un investimento de case 900.000 euros “para saneamento, auga, arranxo de camiños e a reposición dun muro de contención que caeu en Perlío no temporal do 2022”. Para acometer esas actuacións está prevista a contratación dun crédito a amortizar en dez anos. 

Oferta de Emprego Público

“Darlle ao Concello a estrutura técnica, administrativa e de funcionariado necesaria para desenvolver os retos de futuro e a atención á veciñanza, que é do que se trata”. Con ese obxectivo o Concello de Fene está a poñer ao día o plantel de traballadores municipais, declarou Polo. Aprobou a Oferta de Emprego Público 2024 que inclúe tres prazas de funcionario: oficial albanel–fontaneira/o, conserxe e bibliotecaria/o, rematou os procesos de estabilización e avanza nos procesos selectivos en curso.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora