Obrigadas a facerse perdoar

Obrigadas a facerse perdoar
24 de Febreiro, 2023 - 09:46 h. | Publicada por Radio Fene

“Había promesa de casamento” ou “foi vítima da fraxilidade humana e acabou caendo en cópula carnal por iso”. Son as explicacións máis recorrentes dos numerosos embarazos de mulleres galegas solteiras ou viúvas das que queda testemuña nos arquivos históricos de Galicia. Mulleres que, voluntariamente ou obrigadas, relataban como quedaran preñadas para facerse perdoar. O libro “Mulleres espontándoas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (VIXIEI-XIZ)”, de Angel Arcay Barral, estuda este fenómeno específico de Galicia.

ESCOITA O PODCAST:

“Había datos de fillos ilexítimos tan altos que se tivo que crear unha norma”, explica o autor no Club de Lectura de Radio Fene. “Estes expedientes son importantes, non só pola curiosidade senón tamén polo feito de que é a muller a que fala, por primeira vez, é unha muller anónima de clase baixa a que se presenta diante da autoridade e explica todo o que estaba pasando”. Eses relatos son testemuña de como sería a vida naqueles tempos. A muller ten que dar datos da súa filiación, de cantos meses estaba embarazada e de quen, tamén os datos do home. “Aínda hoxe impón ir ao notario, imaxinade unha muller que non sabía ler nin escribir que se presenta no notario e lle conta da súa sexualidade”, reflexiona o autor. “A espontánea pode ser voluntaria ou obrigada, hai casos nos que se presenta o notario na súa casa”. Angel Arcay Barral, licenciado en Historia pola Universidade de Santiago e Mestre en Arquivos pola Universidade do Porto, que dende o pasado verán asumiu a dirección do Museo das Mariñas e do Arquivo e a Biblioteca Municipal de Betanzos, gañou con este ensaio o VI Premio de Investigación HUME 2021 das Pontes. O historiador e investigador brigantino recuperou máis de 500 expedientes dos arquivos que recollen as testemuñas de mulleres que se presentaban para auto inculparse por quedar embarazadas. Solteiras ou viúvas. Para recibir o perdón, logrando así un salvoconduto. O libro foi editado por Baía Edicións.

Cultura

Publica o teu comentario agora