Obxectivo cumprido

Obxectivo cumprido
16 de Xaneiro, 2025 - 02:50 h. | Publicada por Radio Fene

Abre o Punto Limpo que dará servizo a Fene, Ares e Cabanas. Cumprido o primeiro obxectivo do ano que se fixara o Concello de Fene. O Punto Limpo de Vilar do Colo estará operativo o luns, 20 de xaneiro, tras máis dunha década de espera. As autoridades visitaron esta mañá as instalacións nas que se poderán depositar refugallos domésticos. 

ESCOITA O PODCAST:

O Punto Limpo situado en Vilar do Colo abrirá ao público o próximo luns, 20 de xaneiro. Un servizo que marcará un antes e un despois na xestión de residuos para os concellos de Fene, Ares e Cabanas. A súa entrada en servizo, cualificada como “un feito histórico” polos rexedores dos tres concellos, culmina un longo camiño que comezou coa construción das instalacións en 2013 e que, tras numerosos obstáculos administrativos, recibiu agora a autorización da Xunta.

“Por fin poñemos a disposición da veciñanza unhas instalacións pensadas para a xestión de residuos e a mellora do medio ambiente”, destacou o alcalde de Fene, Juventino Trigo, que coincidiu cos rexedores de Ares e Cabanas, Julio Iglesias e Fernando Couce, e a delegada da Xunta de Galiza en Ferrol, Martina Aneiros, en destacar a relevancia deste día. O Punto Limpo estará xestionado inicialmente pola empresa COREGAL, funcionará de luns a venres de 16 a 20h, e os sábados de 10 a 14h. Facilitará o tratamento axeitado para refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais, como voluminosos, aparellos electrónicos ou residuos especiais.

Na visita ás instalacións tamén participaron as concelleiras fenesas de Medio Ambiente, María del Carmen Martínez; Servizos, Sandra Permuy; e Obras, Manuel Polo. Martínez sinalou que  “a posta en marcha deste servizo contribuirá a resolver problemas históricos, como os verquedoiros incontrolados e permitirá reducir a dependencia da Mancomunidade para o tratamento de residuos voluminosos”. Co Punto Limpo tamén se pon en marcha un espazo de economía circular, onde a veciñanza poderá reparar ou intercambiar enseres e aparellos aos que aínda lles quede vida útil. “Queremos fomentar a reutilización e o aproveitamento máximo dos recursos, contribuíndo á sustentabilidade”, explicou Sandra Permuy.



 

Institucional

Publica o teu comentario agora