Ocio, encontro e cultura

Ocio, encontro e cultura
09 de Xullo, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Sardiñada no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene o sábado, día 13, a partir das 20:30 horas. Amenizada con música a cargo do DJ Ponte e aberta a toda a veciñanza. Esta é unha das múltiples actividades das que gozar no CMI Unidade de Fene, das que informou a presidenta desta entidade, Paula Romero.

ESCOITA O PODCAST:

A piscina e a zona de merendeiro, que ten barbacoas, son un gran atractivo nos meses de verán para as familias, que aproveitan os exteriores do CMI Unidade de Fene, sobre todo nos días de semana, para comer ao aire libre e dar un baño. Entre as actividades que programa este verán o CMI Unidade de Fene figura, por primeira vez, un campamento para nenos e nenas, de 3 a 12 anos, durante este mes de xullo, que se suma ao que organiza o mes de agosto o Concello. 

Lugar de encontro, no que socializar e aprender, que potencia a cultura galega. Con esa vocación naceu o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, que dá cumprimento a ese obxectivo con iniciativas como a convocatoria do Premio de Poesía Pérez Parallé. O premio de poesía figura, xunto coa celebración das Letras Galegas, entre o máis destacado da súa programación cultural. “Con máis de 35 anos é unha das nosas actividades máis relevantes”, sinala Paula Romero. “Temos agora aberto o prazo de presentación de poemarios, ata mediados do mes de setembro”. 

O CMI Unidade de Fene conta con 430 socios e son máis de 1.500 as persoas que poden facer uso das súas instalacións. A presidenta anima á xente nova a impulsar “con novas ideas” a entidade.  

Sociedade

Publica o teu comentario agora