Oda á pataca

Oda á pataca
03 de Marzo, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pataca é un tubérculo que chegou de América. Hoxe resulta un dos alimentos máis consumidos.Contan as crónicas galegas que, antes de chegar a pataca, os hidratos de carbono, ou sexa o nutriente, eran as castañas ou as charouvías.

As castañas perdéronse nas epidemias da tinta do castiñeiro. Foi entón cando os mosteiros da Galicia central obrigan aos seus colonos a plantala e consumila para quitar a fame negra de 1730-1735. Había quen naquel momento atribuía á pataca, denominada tamén “raiz do demo”, a causa da peste e doutros males. Pero chegaron a ser fundamentais na economía galega. Aquí como en Irlanda, o escaravello da pataca foi causa de grandes fames, culpable da emigración masiva dos galegos a América a finais do século XIX.

Discútese moito onde se prantaron as primeiras patacas en Europa. Sábese que en Anveres recibían patacas canarias no século XVI e que é veterana en Galicia. O historiador irlandés John Talbot Dillon afirma que o primeiro tubérculo europeo foi galego, de onde levou a semente o corsario Sir Walter Raleigh, inimigo diplomático do conde de Gondomar. Raleigh gañoulle a España a guerra do mar, adiantándose na construcción dos barcos, mentres aquí se paraba todo, nun país deprimido tras a labazada moral da Armada Invencible. Outro vello coñecido, Sir Francis Drake, o corsario que quixo invadir a Coruña, tamén aparece na historia da pataca. Unha estatua, que data a prantación da pataca en 1580, lémbrao en Offemburg, en terras de Alemaña. Parece que xa sementaban patacas no tempo en que o facía a nosa María Pita.

Pegadas galegas atopámolas na visita do cardeal Jerónimo del Hoyo ao convento de Herbón no ano 1607. Escribe: “Xunto desta horta, ten outra o dito mosteiro que ten moitas árbores, algúns limoeiros e moitas e moi boas laranxeiras de froitos doces e agres. Nesta horta fixo plantar patacas o señor Arcebispo don Francisco Blanco, déronse moitas pero moi bastardas”. Antonio Meijide Perdo, que estuda o cultivo en Galicia, recolle datos sobre o “décimo pagado ao crego” na parroquia de Bravos- Galdo, en Viveiro, na provincia de Mondoñedo. Di que o cultivo era común de había moito tempo. Estamos en 1736, logo de que unha epidemia de tinta secase todos os castiñeiros.

Manuel Rivas defínenos nunha obra súa como “Os comedores de patacas” vinculando Galicia con Van Gogh, quen pinta aos labregos holandeses que xantan patacas: “comen coas mans, as mesmas mans coas que traballan a terra”. A pataca fixo a función de “quitafame”. Hoxe son moi cobizadas as da Limia, as da Terra Chá, as de Bergantiños e as de Lemos que teñen I.X.P Pataca de Galicia. Pero hai moitas máis de excelente calidade. Fausto Galdo debece polas da Mariña, brancas e porosas, un chisco salgadas polo nordés.

Na publicación “As patacas do Centenario” editada polo FROM con motivo do quinto centenario en 1991 destacan traballos como o da historiadora Mª Xosé Rodríguez Galdo que percorre os pasos desde a chegada da pataca ás illas Canarias ata a súa difusión pola península, especialmente no norte. Un dos libros imprescindibles é o de Edicións do Castro “Testimonios históricos sobre la antigüedad del cultivo de la patata en Galicia” na área de ciencias agrarias do Seminario de Estudos Galegos. Grazas a Isaac Díaz Pardo disposto a financiar este tipo de traballos.

As illas Chiloé, no costado de Chile, foron descubertas no ano 1507 polo pontevedrés Martín Ruíz de Balboa quen as bautizou co nome de Nova Galicia. A pesar do mal clima, frío e húmido, teñen unha importante riqueza en marisco e tamén en patacas. As patacas das Illas Chiloé son as que mellor se adaptaron á nosa terra.

Para acabar, vexamos a Oda de Pablo Neruda á pataca:

Profunda e suave es,

polpa pura purísima rosa blanca enterrada,

floreces alá dentro na terra,

na túa chuviosa terra orixinaria,

nas molladas illas de Chile tempestuoso,

en Chiloé mariño, no medio da esmeralda que abre

a súa luz verde

sobre o austral océano".

Sociedade

Publica o teu comentario agora