Oitenta e dous episodios do podcast Lobos doentes

Oitenta e dous episodios do podcast Lobos doentes
18 de Novembro, 2022 - 02:54 h. | Publicada por Radio Fene

O próximo luns, 21 de novembro, estréase en Radiofusión e en outras emisoras municipais o podcast Lobos doentes, que se manterá en antena de luns a venres ata o remate dos seus 82 capítulos.

Trátase dunha adaptación radiofónica realizada por Antonio Tizón a partir da novela do mesmo autor e con idéntico título que se publicará en xaneiro de 2023 por Edicións Xerais de Galicia. É esta a cuarta entrega dunha serie que ten como protagonista principal ao policía Xosé Sánchez Pereiro. A pentaloxía , en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema catalizador, que non único, da enfermidade mental. Outras temáticas recorrentes destas obras son a corrupción política e moral, a impunidade do poder fronte ao crime, a degradación ambiental, a especulación urbanística, a confusión entre a loucura e a maldade e o gosto pola gastronomía. Ademais de Lobos doentes (2023), pertencen a esta serie as obras, xa publicadas, Os incurábeis (2020),  A antesala luminosa (2015) e Un home estraño (2018). Esta cuarta entrega débelle o título ao poema de Rosalía “A xusticia pola man”, un pretexto que o autor aproveita para afondar na temática recorrente da vinganza, que aquí enlaza co 11M como marco histórico dunha trama que se desencadea a partir da aparición ao pé da Torre de Hércules do cadáver dun home que agocha na chaqueta o logotipo dunha bandeira rusa e o enderezo de tres locais de hostalería da Coruña. 

As novelas de Tizón son as únicas da literatura galega adaptadas ata agora ao formato podcast, un formato xa habitual noutros sistemas literarios pero aínda inédito en Galicia, pese ás súas vantaxes xa contrastadas, entre as que destacan a flexibilidade, o acceso doado, o investimento  asumíbel e o seu potencial na captación de novos públicos para o mundo da lectura. Baseado nesta novela de Antonio Tizón, Lobos doentes é un podcast de 82 capítulos de dez minutos de duración cada un, no que, baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, participaron na súa realización máis de 50 persoas, entre as que, ademais dun gran equipo de profesionais, técnicos e creativos, cabe destacar o labor de Antón Ramos, o autor da banda sonora, así como as colaboracións especiais do editor Manuel Bragado, do escritor Manuel Veiga, do comunicador Cándido Barral , o académico Xosé Luis Axeitos ou do psiquiatra Díaz Del Valle, sen esquecer as colaboracións decisivas de entidades como o Cìrculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e da Deputación da Coruña. 

   

O podcast, producido por Son Radiofusión, emitirase por Radiofusión todos os días ás 9:15 da mañá e ás 21:15 da noite. A obra xa foi presentada na Coruña o pasado 1 de outubro cun roteiro, literario, musical e gastronómico pola cidade vella. Presentarase tamén en Santiago o próximo martes, 29 de novembro, a partir das 19.30 na tenda de produtos galegos Vide Vide, un acto que se complementará cunha cata de viños da adega Algueira guiada polo seu propietario, Fernando González.    

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora