Olimpia Barcia, a loita das mulleres no século XX

Olimpia Barcia, a loita das mulleres no século XX
22 de Xuño, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A veciña da rúa da Fraga de Fene Olimpia Barcia cumpreu 103 anos. É unha das mulleres destacadas na exposición "Sinaladas" que ata final de mes se pode ver na Praza Ramón Souto, ao pé da Casa do Concello de Fene. A mostra recolle relatos vitais de persoas importantes dos séculos XIX e XX, pero que non aparecen nos libros de historia. Só por ser mulleres.

Fotografia Xan Xe

A exposición está dividida en trece estruturas, unha de presentación e outras doce de contidos divididos por temáticas. As catro primeiras céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras na súa loita; mentres que as catro seguintes abordan o período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla, e as catro últimas versan sobre o mantemento da represión contra as mulleres máis alá do ano 1936, a posguerra e a morte de Francisco Franco. En total, a mostra está composta por 39 paneis e 284 apartados nos que se recolle a historia de 540 mulleres, así como por 373 imaxes. Nela recóllense as historias de diferentes persoeiros que marcaron a historia de Galicia, pero tamén de mulleres anónimas que foron silenciadas e sinaladas. Ademais, acompáñase dunhas unidades didácticas para axudar a planificar o proceso de ensinanza e aprendizaxe histórico dos escolares. "Sinaladas, a loita das mulleres no século XX. Cen anos de conquistas e represións" é unha exposición da Deputación da Coruña. Permanecerá en Fene ata finais deste mes de xullo.

 

Fotografía Xan Xe

 

Cultura

Publica o teu comentario agora