Olimpiada de tapas

Olimpiada de tapas
24 de Maio, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Comeza a competición para a elección da mellor tapa do ano en Fene. A hostalería de Fene pon a proba as súas habilidades gastronómicas no  XIV Certame de Tapas. Teñen dúas fins de semana para conquistar o padal da clientela e dun xurado profesional. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, á veciñanza e visitantes a degustar as tapas e agradece o apoio das firmas colaboradoras.

ESCOITA O PODCAST:

Nove locais, bares e cafeterías, queren que gocemos ao máximo do sentido do gusto. Participan na nova edición do Concurso de Tapas de Fene coa súa oferta de petiscos, creativos ou profesionais. O certame celebrarase entre o 24 de maio e o 2 de xuño. As tapas poderán degustarse nas fins de semana, desde o serán do venres ao mediodía do domingo das dúas fins de semana que dura o certame.

Na categoría de Tapa Tradicional participarán tres establecementos, O Son de Cociña coa súa proposta “O sol da cociña”, a Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco” e o CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”. Competindo na categoría de Tapa Creativa estarán Arrecendo, con “Arrecendo a mar”; Bar A Ponte con “Tres continentes”; Galicuba coa “Delicia cubana”; Cafetería Lembranza con “Ruliña!”, o CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro” e o Pachamama co “Tartar de Langostinos”. Cada tapa terá un prezo de 1,50 €, e  poderanse degustar de venres á tarde a domingo ao mediodía, en horario de 20 a 22h no serán e de 13 a 15h no mediodía. Conforme se vaian probando os petiscos, as persoas que fagan o percorrido deberán ir selando o seu pasaporte FENERRUTA nos diferentes establecementos participantes. Un proceso imprescindíbel para poder votar para elixir a Tapa Popular Creativa e a Tapa Popular Tradicional, así como tamén para entrar no sorteo de diferentes premios.

Entre todas as persoas votantes que selen correctamente o Pasaporte FENERRUTA sortearase unha viaxe para dúas persoas. Tamén unha limpeza da tapizaría dun vehículo, cortesía de Ecolimpauto. Ademais, entre todas as tarxetas cumprimentadas pola clientela nos propios establecementos, sortearase un obsequio (cortesía de Electro Agro Fene); tres estoxos de produtos de Bodegas Barral (cortesía de Bodegas Barral); un mes de clase en calquera modalidade na Escola de Música Bellón-Maceiras (cortesía da propia Escola) e tres libros de cociña (cortesía da Imprenta San Esteban).

En canto aos establecementos, os primeiros premios das categorías Tapa Creativa e Tapa Tradicional recibirán, ademais dos trofeos conmemorativos, un Cofre VIP “2 días románticos” (cortesía de Organiza Viajes e de Arlo Viajes, respectivamente). No caso dos premios do público, os primeiros premios da Tapa Popular Creativa e Tapa Popular Tradicional recibirán un trofeo e un kit de empratado e decoración, cortesía de Establecimientos Aguilar. Os establecementos que queden en segundo lugar recibirán un trofeo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora