Orgullo para Fene

Orgullo para Fene
28 de Marzo, 2023 - 02:49 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, felicitou ao alumnado e á comunidade educativa do IES de Fene polos dous recoñecementos, un premio e unha nominación, que conseguiu no recente torneo de robótica FIRST LEGO LEAGUE GALICIA celebrada a primeiros de mes no Campus Industrial de Ferrol. “Sodes un orgullo para o Concello e a veciñanza de Fene”, asegurou o alcalde.

O Concello deulle unha homenaxe ao equipo gañador, chamado Os robots do Pazo. Os oito alumnas e alumnos do equipo, familiares, profesores e membros da dirección do IES de Fene foron recibidos esta mañá na Casa do Concello. O alcalde e parte do Goberno local déronlles a nora boa e escoitaron as explicacións da idea de Terraza Ecofriendly, un proxecto que deseñaron consistente na instalación de solo radiante que emprega hidróxeno verde para quecer unha terraza. “É o mellor porque non emite CO2, foi un traballo moi enriquecedor”, destacou Pablo García Martínez, alumno de 3º da ESO, en declaracións a Radio Fene, falando en nome de todos os compañeiros e compañeiras que formaron o equipo. Pasaron moitos meses, aproveitando recreos e mesmo a hora do xantar, traballando no seu proxecto, no que contaron co apoio da súa adestradora, Juana Polo, e o resto do profesorado do centro. Tamén recibiron a felicitación da dirección do centro escolar. A vicedirectora do IES de Fene, Begoña Fernández, aproveitou para poñer en valor o ensino público, subliñou que so tres dos vintedous centros da categoría na que competiron neste certame para promover as vocacións científicas eran públicos. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora