Os bechiños invaden As Pontes

Os bechiños invaden As Pontes

25 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Paula Carballeira, Anabell Gago e Chiqui Pereira danlle vida aos bechiños en “Bicharada”. Logo do éxito da súa última montaxe, “Boas Noites”, Berrobambán achega esta nova proposta que xa percorreu varios escenarios galegos. Poderemos ver a obra este domingo 28 de marzo, ás seis da tarde, no Cine Alovi de As Pontes. A nova montaxe desta compañía referencial no teatro infantil galego, achéganos ao mundo deses seres tan pequ

Unha araña e unha formiga viven tranquilas na paz do seu recuncho, ata que un día chega un animal descoñecido e estraño para elas: un escaravello. A integración do novo veciño vai ser máis complicada do que parece.

Berrobambán regresa así ao terreo mudo, ao da linguaxe visual e o humor sen palabras, da man dun creador coma Evaristo Calvo na dirección artística. Calvo leva xunto a Víctor L. Mosqueira a compañía Mofa e Befa, e foi premio María Casares en dúas ocasións: pola súa dirección e dramaturxia para Qui pro Quo, de Ollomoltranvía, e como actor, por Anxeliños. Tamén realizou dous espectáculos como autor e director para Sapristi: Hotel Run e So Sobre.

O elenco intégrano a actriz, contacontos e escritora Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabell Gago, gañadora en dúas ocasións do Premio María Casares polas súas interpretacións. Conta con música en directo, cos bichos tocando tres instrumentos (hang, kalimba e saxo de bambú), e outra gravada, interpretada por Carlos Castro á marimba, vibráfono e batería.

A música está composta por Manolo Panforreteiro, que tamén se encarga dos arranxos e instrumentacións xunto con Vadim Yukhnevich. A voz en off que acompaña aos  bechiños é a de Patricia de Lorenzo. Tamén participan na montaxe Yelena Molina, como axudante de dirección, Pablo 'Pastor' na realización da impresionante escenografía, que reproduce o mundo tan xigantesco como é para os bichos, Fidel Vázquez no deseño de iluminación, e Clotilde Vaello no vestiario, candidata a un premio María Casares pola elaboración dos traxes dos bichiños.

Bicharada leva, con esta, 20 funcións. Entre elas, estivo na Feira Galega das Artes Escénicas, en Compostela, en outubro do 2009, e para este ano hai programadas aínda outras en Ames (18 de abril) e Burela (15 de maio), amais de outras en Moita (Portugal) e Culleredo, xa no mes de decembro.

Cultura