ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Gómez Besteiro presentou no Concello de Viveiro o volume, baseado na intensa e rigorosa investigación do historiador focense Juan Ramón Fernández Pacios sobre o itinerario, que discorre por todos os municipios costeiros entre Ribadeo e Ferrol. A Deputación editou medio milleiro de exemplares do libro, o primeiro que recolle todo o inventario documental que certifica que o Camiño do Mar foi unha auténtica e importante ruta de peregrinación a Compostela.
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores no Concello de Viveiro o libro Camiño do Mar, unha publicación baseada na investigación do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios que o organismo provincial editou no marco das súas xestións para impulsar o recoñecemento oficial desta ruta xacobea por parte da Xunta. De feito, o propio Gómez Besteiro expresou na súa investidura que este é un dos compromisos do Goberno provincial para o mandato. Mostra diso é que o Executivo levou ó primeiro pleno celebrado tralas eleccións de maio unha proposta para instar á Consellería de Cultura a declarar o Camiño do Mar, que discorre pola Mariña, e o de Inverno, que atravesa a Ribeira Sacra, como rutas xacobeas oficiais, pois “supoñería unha extraordinaria oportunidade para fomentar o turismo, e polo tanto unha fonte importante para xerar riqueza”, subliñou o Presidente. A iniciativa plenaria saíu adiante co apoio unánime dos tres grupos provinciais. Xunto a Besteiro, no acto de presentación do libro sobre o Camiño do Mar estiveron o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, o historiador e autor da investigación Xoán Ramón Fernández Pacios.
A Deputación editou medio milleiro de exemplares do volume, froito de “varios anos de intenso e rigoroso traballo” de Fernández Pacios sobre un itinerario “tan pouco estudado como tan maioritariamente coñecido”, asegurou Besteiro. Este é de feito o primeiro libro que recolle todo o inventario documental existente co que queda certificado o Camiño do Mar foi unha auténtica e importante ruta utilizada polos peregrinos na súa viaxe a Compostela. Ademais de documentos escritos, o “fascinante e revelador estudo”, engadiu o Presidente, inclúe máis de 200 fotos e abondosos mapas que describen todos os tramos do Camiño do Mar.
Ademais de impulsar “a firme aspiración e empeño” da Deputación en favor da oficialización do Camiño do Mar, o libro avala a demanda que diversos colectivos sociais e empresarias veñen facendo dende hai anos para que a Xunta recoñeza oficialmente esta ruta xacobea, pois suporía un relevante impulso para economía mariñana polo aumento de visitantes que levaría consigo.
Este itinerario une Ribadeo e Ferrol, poboación na que comeza un dos ramais do Camiño Inglés e co que se une ata chegar a Compostela, percorrendo concellos que teñen en común o feito de ser costeiros, de aí o nome de Camiño do Mar. A ruta conta con tres alternativas de entrada: unha terrestre, dende Ribadeo, que vai pola beiramar ata Compostela; outra marítima, que leva consigo o percorrido en barco chegando ata os portos lugueses e seguindo logo a terrestre; e unha terceira ruta –a de regreso– na que os peregrinos volvían sobre os seus pasos para chegar de volta aos portos, e dende eles embarcar aos seus países de orixe. O Presidente da Deputación garantiu que “dende a Deputación imos seguir traballando, sen escatimar ningún esforzo, con novas iniciativas para potenciar e poñer en valor todo canto estea relacionado co fomento e difusión dos itinerarios xacobeos que atravesan a nosa provincia”.