Os Carunchos, 30 anos de música de raíz.

Os Carunchos, 30 anos de música de raíz.
14 de Xuño, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Se Os Carunchos fosen un documento, xa terían carácter histórico, porque este ano cumpren trinta anos, xa que o grupo nacía en 1994 en Vigo, froito dunha serendipia; volvendo dunha foliada déronse conta de que non era mala idea xuntarse para tocar, e así o fixeron, comezaron a tocar cunha idea central de crear un repertorio que mesturase temas cantados co repertorio tradicional de gaiteiros solistas.  

 

ESCOITA O PODCAST:

E con ese mesmo espírito, a actual formación de Os Carunchos afrontan unha dupla celebración este ano. Ademais da celebración do 30 aniversario da banda, teñen tamén en carteira a presentación do álbum que veñen de editar, “Unha gorxa chea de paxaros” que fai o número 8 dos seus traballos discográficos. Como ven sendo habitual a poesía está presente tamén neste novo disco xa que nel musican unha escolma de poemas de Manuel María. 

Un traballo que, ademais, ten formato de libro disco para o que contaron con Xurxo Souto quen fai unha achega que sinala a importancia de Manuel María para a música galega e que conta cun repaso da traxectoria de Os Carunchos da man de Xaneco Tubío.

Os Carunchos son Luís E. Correa (Voz, gaita, requinta, zanfona e percusións), Pablo Rial (Voz, acordeón diatónico, gaita e percusións), Isaac Teniente (Voz e percusións), Juan A. Álvarez (Voz, gaita, pínfano e percusións) e, recuperan para este aniversario a Julián Mojín, quen foi membro da formación inicial, hai máis de 25 anos.

Son os protagonistas de tres décadas de música de raíz e de compromiso activo co noso idioma e a nosa cultura, adaptando, mesturando e recuperando coplas que xa forman parte da nosa memoria musical e poñendo música aos nosos poetas máis emblemáticos. 

E no escenario, e non menos importante porque o gozo é vida, festa e diversión a mancheas.

Cultura

Publica o teu comentario agora