Os deportistas de Arzúa xa poden facer uso das pistas de pádel e voleibol

Os deportistas de Arzúa xa poden facer uso das pistas de pádel e voleibol

09 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Unha exhibición por conta de profesionais de empresa de servizos deportivos Payet ás 12 deste mediodía no Complexo Deportivo do Viso, en Arzúa, simbolizou a apertura das pistas de pádel e voleibol, das que dende hoxe mesmo poderán gozar todos os veciños e veciñas do municipio. Durante os vindeiros sete días

No acto de inauguración oficial do recinto celebrado esta mañá estiveron presentes os concelleiros da corporación municipal xunto co Alcalde de Arzúa, Xaquín García, tamén foi numerosa a representación dos colectivos deportivos da localidade así como o persoal dos centros educativos da vila.

A partir de agora será a empresa Aquagest quen se encargue durante os vindeiros 4 anos da xestión das instalacións destas dúas infraestruturas deportivas nas que o goberno municipal investiu máis de 130.000 euros. Aquagest tramitará a xestión das reservas e o cobro polo uso das instalacións, entregando ao Concello o 80% do importe recadado, tal e como se establece no prego de contratación do servizo.

Tamén se encargará do mantemento das instalacións, de ofrecer a información precisa para o aluguer das pistas, de manter limpas as instalacións e a zona perimetral valada así como a vixilancia e control durante as horas de apertura das instalacións.

No acto desta mañá tamén tivo lugar o sorteo entre os asistentes de dúas raquetas para a práctica do pádel cedidas pola empresa Aquagest, cuxos representantes tamén estiveron hoxe en Arzúa para recibir da man do Alcalde, Xaquín García, as chaves das instalacións. O rexedor amosou a súa satisfacción por poder “poñer a disposición dos nosos veciños estas modernas infraestruturas das que estamos seguro van gozar e que tamén deben coidar” e non descartou nun futuro “proceder á cuberta de polo menos unha das pistas para facilitar que en días como o de hoxe no que as condicións meteorolóxicas non axudan se poidan seguir utilizando as instalacións”; Xaquín García aproveitou a presenza do Concelleiro de Deportes, Xoán Xesús Carril, para “agradecerlle a ilusión e o esforzo que sempre puxo dende o seu departamento para que isto sexa unha realidade”.

Deportes