Os ecoloxistas opóñense a que o lago de As Pontes reciba un premio de excelencia turística

Os ecoloxistas opóñense a que o lago de As Pontes reciba un premio de excelencia turística

08 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Os colectivos ecoloxistas ADEGA, Fusquenlla, SGHN e Verdegaia veñen de amosar o seu rexeitamento á candidatura da antiga mina de As Pontes ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011. Consideran que, “lonxe de ser unha proposta ambientalmente sostible, a suposta rexeneración non é mais que un lavado de imaxe ante as críticas fundadas dos ecoloxistas e entidades sociais diversas”. Este proxecto de enchido que aínda non finalizou, afirman,

As organizacións ecoloxistas, sociedades científicas e colectivos cidadáns que dende hai anos veñen denunciando o grave deterioro que están a sufrir as Fragas do Eume e o seu entorno queren amosar a súa indignación ante a presentación por parte do Concello das Pontes da súa candidatura ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011, que concede a Comisión Europea e que este ano adícase á rexeneración de espazos degradados para convertelos en lugares de atracción turística.

O proxecto presentado, que conta coa colaboración da compañía Endesa e o aval da Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, consiste na conversión do antigo oco da mina de lignito nun lago e a rexeneración da entulleira. Segundo os ecoloxistas, hai que lembrar que o lago está a alimentarse fundamentalmente das augas do Eume, o que supón detraer deste río máis dun millón de metros cúbicos de auga. “Isto agrava aínda máis o estado ambiental do río Eume e non garante o mantemento do seu caudal ecolóxico, polo transvase directo, e por eliminar permanentemente os aportes de diferentes regos tributarios”, din.

As asociacións ambientais denuncian o estado lamentable que, ao seu parecer, presenta o río Eume “debido á espoliación por parte de Endesa durante décadas e que se verá acrecentado pola acidez rexistrada nas augas do lago, resultado da alta concentración de piritas da antiga área de explotación”. O fenómeno da acidificación ameaza con trasladarse á conca do río e, de paso, afectar gravemente ás Fragas do Eume, e é o Parque Natural das Fragas do Eume, un dos últimos redutos de bosque atlántico costeiro, o que se nutre das augas deste río e cuxa supervivencia depende dos aportes regulares e do óptimo estado de conservación das augas,.

Os defensores da candidatura reivindican a calidade das augas do lago, feito que os ecoloxistas aseguran que non pode ser verificado porque Augas de Galicia non fai públicos na súa páxina web os resultados dos controis tanto no oco da mina como no río Eume. “Os únicos resultados cos que contamos son os derivados das mostras recollidas tempo atrás polo Seprona que amosaron a acidez e elevada concentración de metais pesados”, din. O propio Estudo de Impacto Ambiental co que conta o proxecto de enchido recoñece que a calidade das augas diminuirá unha vez finalicen os aportes directos do Eume e co estancamento das augas do lago, cousa prevista para o ano 2012.

Non obstante, algúns dos tributarios que ata agora vertían as súas augas non contaminadas ao río Eume quedaron inutilizados polo propio lago, privando a este río dun aporte que contribuía a mitigar a elevada contaminación das súas augas.

As filtración e o rebose das augas acedas cara os regatos próximos e ao mesmo Eume, fai prever algún dos problemas aos que a administración autonómica terá que atender proximamente cando Endesa ceda a xestión do lago á Xunta. A forte contaminación que se prevé, segundo os ecoloxistas, terá que ser neutralizada, sempre e cando sexa posible, pola propia administración galega. “Os deberes que obxectivamente corresponderían á compañía que orixinou unha catástrofe ambiental sen precedentes nesta comarca, pasarán a ser responsabilidade do Goberno autonómico. Isto supón un elevado custo económico que sufragará unha administración pública con tendencia a obviar as cuantiosas plusvalías que Endesa se embolsou durante a existencia da explotación mineira”.

A conversión da mina nun lago de máis de 600 hectáreas e profundidades que acadan os 200 metros abre outros interrogantes para os colectivos que se opoñen ao proxecto. Aseguran que “se xa os efectos do lago sobre o ecosistema son nefastos a día de hoxe, máis preocupante son as posibles consecuencias adversas que no futuro este proxecto nos pode deparar”. Son moitas as voces autorizadas que se levantan contra este suposto proxecto de rexeneración. Desde o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, o catedrático de xeoloxía Xoan Ramón Vidal Romaní alerta do risco potencial que en caso de actividade sísmica pode supoñer a presenza dunha falla activa baixo o oco da mina.

Sociedade