Os farmacéuticos alertan da proliferación de falsos tratamentos para adelgazar

Os farmacéuticos alertan da proliferación de falsos tratamentos para adelgazar

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os farmacéuticos detectan que ao achegarse o verán moitos clientes amosan o seu interese polos denominados “produtos milagre”. Por este motivo, inician unha campaña informativa sobre os riscos que entrañan este tipo de tratamentos que prometen resultados espectacularmente rápidos e eficaces.

O Centro de Detención de Produtos Milagre, que funciona a nivel estatal, recibiu o pasado ano máis de 100 denuncias que alertaban da presencia no mercado deste tipo de tratamentos. Segundo explicou en Radiofusión o vogal do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Antonio Torres, o problema é que resulta difícil seguirlles a pista porque están comercializados por “empresas pantasmas”, que operan só durante uns meses e desaparecen cando empezan as investigacións oficiais. Así as cousas, os expertos realizan un chamamento á cidadanía para que non se deixen convencer por agresivas campañas de publicidade que prometan resultados espectaculares. Como pistas para a detección destes falsos fármacos, Antonio Torres aconsellou non fiarse dos produtos que se venden por internet ou correo e rematar coa idea de que natural sexa sinónimo de inocuo.

As promesas dos produtos milagre abranguen diferentes eidos, desde a rexeneración do cabelo á cura da disfunción eréctil, pero nesta época do ano proliferan sobre todo os tratamentos para adelgazar. Ante esa situación, o Colexio Oficial de Farmacéuticos repartirá máis de 15.000 dípticos que alertan sobre os riscos destes falsos medicamentos e inciden nas características e vantaxes dunha vida saudable.

Sociedade