Os peregrinos a San Andrés tamén terán acougo

Os peregrinos a San Andrés tamén terán acougo

11 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O primeiro albergue para camiñantes de Ferrol abre as súas portas na parroquia de Covas. Así, os romeiros que fagan o camiño a San Andrés de Teixido terán un punto de descanso e tamén un lugar onde pasar a noite. Ese punto serán as instalacións deportivas da antiga Escola Unitaria de Covas, na senda que conecta Santa Comba con este lugar de peregrinación localizado na serra da Capelada.

O novo Albergue de camiñantes está emprazado no ximnasio do que fora noutrora centro educativo desta parroquia ferrolá, desafectado e cedido á Asociación de Veciños Santa Comba de Covas. Eles mesmos o acondicionaron e agora hai un estupendo refuxio con 50 metros cadrados de dormitorio, 18 camas, unha cociña, catro duchas, dous sanitarios e mesmo un almacén.

A Santo Andrés non chegou, pero si botou unha andaina simbólica dende Santa Comba ata o albergue o alcalde Vicente Irisarri, que inaugurou a instalación. Ademais, Irisarri ten outras visitas programadas. Desta volta para o luns, e con destino ao Castelo de San Felipe. Alí supervisará, canda a responsable de Cultura, Mercedes Carbajales, os estudos a pé de campo que se están desenvolvendo con vistas á recuperación da fortaleza que vixía a ría.

Sociedade