Os Reis Magos pendentes do tempo

Os Reis Magos pendentes do tempo
03 de Xaneiro, 2025 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

Coma todos os anos, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Fene este domingo, a poucas horas da noite máis máxica do ano. Se o tempo o permite, a cabalgata dos Reis Magos de Oriente sairá ás 17.30 horas do CCRD de Perlío e percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais de Fene ata chegar á Praza Ramón Souto (a carón da Casa do Concello) onde recibirán aos nenos e nenas que queirán conversar con eles e transmitirlles os seus desexos. Perante as previsións de choiva e vento que se anuncian para esta fin de semana, a Concellería de Cultura agardará ate o mediodía do domingo para tomar unha decisión definitiva -da que se informará a través das redes sociais do Concello- sobre o desenvolvemento do desfile que este ano conta con 4 carrozas e un total de 32 paxes reais. O que sí se garante é a Recepción Real e unha festa infantil, baixo carpa, na Praza do Concello, entre as 18.00 e as 20.00 horas. Ademais, ao remate da Recepción Real e da Festa infantil, o Concello de Fene entregará os agasallos ás gañadoras do I Concurso de Decoración de Nadal.

Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán polas casas de todas as nenas e nenos do mundo na noite do domingo para o luns, deixándolles agasallos a varrer e bos desexos para este ano que comeza. Porén, antes da viaxe nocturna, os Magos de Oriente multiplicarán a súa presenza na comarca e mesmo chegarán a algúns lugares antes das tradicionais cabalgatas, co obxectivo de encontrarse coa rapazada e escoitar as súas peticións. Ese será o caso de San Sadurniño, onde os tres reis pararán na tarde deste sábado 4 de xaneiro a iso das 18:45h no Ximnasio do CPI. Para recibilos como merecen, o Concello preparou unha festa de benvida a partir das 17:00h na que haberá música, un castelo inchable e tamén chocolatada. 

Institucional

Publica o teu comentario agora