Os señores do Pazo de Barallobre

Os señores do Pazo de Barallobre

15 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O maxistrado honorífico Juan Nepomuceno Jaspe Montoto foi un dos últimos señores que habitaron no Pazo de Barallobre. Morreu aos 73 anos e enterrouse no cemiterio parroquial o 1 de xullo de 1903. Poucos anos antes, en 1898, morreu tamén en Barallobre, a súa sogra Dona Juana Marquez y Espinosa de los Monteros, natural de Málaga e viuva do brigadier xefe de escola do Real Corpo de Artillería Antonio Moscoso Vázquez.

O matrimonio entre Juan Jaspe e Carmen Moscoso terá moitos fillos pero todos eles morrerán sen descendencia. A familia Jaspe posuía tamén pazos en Oza dos Rios, Montrove e en Penarredonda na Coruña. Un dos Jaspe emigrará a Venezuela, alí creará familia, sendo un dos seus membros o libertador de Venezuela Simón Bolivar. O propio Bolivar visitará o pazo familiar de Penarredonda en 1803.

En Barallobre o Pazo posuía unha grande extensión de terreo, onde hoxe se levantan o Instituto de Ensino Secundario e o Centro de Formación Profisional. Alí gárdase o escudo que noutrora lucía na fachada da casa grande. A esquerda situábanse as cabaleirizas e na planta baixa compartian espazo un salón, a cociña e un pequeno aseo. Unha escaleira de caracol levábanos ao piso de arriba onde se situaba a biblioteca, o comedor e os dormitorios con vidrieiras orientadas cara á ria de Ferrol. O piso era de madeira de tea e o tellado de lousa. Os nenos e nenas de Barallobre xogaban nos arredores do Pazo. Ricardo Sardiña lembra as trasnadas que facían coa campá da capela. Atábanlle un aramio e facianna soar.

Unha mesa de cantería situábanse nos xardíns, onde tamén había arbores traidas de distintas partes do mundo. Un peche de loureiros, cameleiros, castiñeiro de Indias eran algunhas das especies do xardín do Pazo, ademais de variadas arbores frutais. Separada da casa grande, estaba a casa vella ou casa dos caseiros. Alí vivia a familia Sardiña Pita, que traballaba o lugar a cambio dunha renda. Para Bertila Sardiña, o Pazo era algo especial.

O Pazo de Barallobre construiuse en 1591 por Fernando de Lago e Obaña. Derrubouse antes das primeiras eleccións municipais democráticas de 1979. Somentes sobreviviu o piñeiro e máis o escudo señorial ubicado hoxe no centro integrado de Formación Profisional.

Sociedade