Os segredos que atesoura o mar

Os segredos que atesoura o mar
18 de Marzo, 2021 - 11:32 h. | Publicada por Radio Fene

Elvira Ribeiro Tobío protagoniza o Club de lectura coa súa última obra poética para a infancia, "Mar de mazá" editada por Galaxia.

ESCOITA O PODCAST:

Elvira Ribeiro Tobío dedícase fundamentalmente á docencia e á tradución, pero tamén á creación literaria. Desde 2005 ata hoxe non parou de publicar. “Mar de mazá” é o seu último libro editado por Galaxia a finais de 2020 e o motivo principal do noso Club de lectura.

Se vés canda min

heiche de amosar

os segredos todos

que atesoura o mar.

Se segues o son destas rimas dondas

sucaremos océanos

e miraremos as ondas!

Este é un convite, en toda regra, á aventura porque Mar de mazá é un libro de aventuras. Como di a autora “é un libro de aventuras polo mar e unha homenaxe á literatura marítima, en especial a A illa do tesouro”. O libro ten diferentes chiscadelas á obra de autores como Stevenson, Martín Codax, Xoana Torres ou Pondal. Ademais é un libro de poesía, e iso chama a atención por ser os destinatarios lectores infantís. A autora despexa enseguida os prexuízos que poidamos ter, poñéndose na pel dela mesma cando era nena e lía poemas nos libros da escola.

Chama a atención dos nosos lectores do club as ilustracións en branco e negro de Begoña G. Arce, das que Elvira confesa estar agradecida e de novo cualifica de prexuízo a falta de cor por tratarse da infancia da que afirma “teñen moita máis capacidade de adaptación do que podemos pensar”. Para Elvira Riberio, os bos libros para a infancia son aqueles que ela tamén pode gozar. Quizás o significado sexa diferente para un adulto, pero pode fascinar igual, como a ela lle fascinou “Follas Novas” cando o leu con 10 anos. “Na miña literatura para a infancia emprego unha linguaxe escolleita porque a literatura é unha maneira tamén de aprender vocabulario e de ampliar o noso universo lingüístico”, afirma a autora de Mar de mazá.

As dúas últimas obras de Elvira Ribeiro, “Ola! Son un bicho bola” e “Mar de mazá” viron afectada a súa difusión por culpa da pandemia. A promoción está limitada pero, normalmente, a autora gosta de acudir aos colexios a presentalos ou de realizar obradoiros de poesía destinados ao profesorado as máis das veces. Ribeiro deixounos con estas verdades no ar: “A paixón por descubrir é unha das grandes virtudes da literatura, viaxar a lugares e mundos descoñecidos e dun xeito asequible”.

Cultura

Publica o teu comentario agora