Os socialistas lugueses presentarán mocións en todos os concellos afectados pola supresión dos comedores escolares públicos

Os socialistas lugueses presentarán mocións en todos os concellos afectados pola supresión dos comedores escolares públicos

14 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo informou onte de que presentará mocións nos concellos afectados pola supresión dos comedores escolares públicos, iniciativa que tamén levará adiante o BNG, tal e como dixera días atrás o seu responsable, Antón Bao.

O secretario da área de Educación do PSOE, José Carlos Ferreiro, estableceu que o seu partido instará  á Xunta a “restituír os postos de traballo suprimidos nos servizos de comedores escolares da provincia de Lugo; a manter este servizo, atendido con persoal laboral propio da Xunta de Galicia, en todos os centros onde se propón a súa supresión; e a elaborar un plan específico, con dotación e memoria económica, de impulso, mellora e progreso da calidade do ensino público na provincia de Lugo, que signifique unha aposta clara pola nosa provincia”.

Por outra banda, o PSdeG continuará coas accións no Parlamento de Galicia, onde o seu grupo presentou, o pasado luns unha Proposición non de Lei, na que esixe ao Executivo galego a que “manteña en funcionamento todos os comedores escolares que están a prestar servizo, garantindo a súa xestión pública e que presenten un Plan de Ampliación e Optimización de Prazas e Comedores Escolares nos centros do sistema educativo público galego”.

O BNG e o PSdeG informaron o luns pasado das supostas intencións da Consellería de Educación de proceder á eliminación de 27 postos de traballo de oficial e axudante de cociña en sete colexios da provincia de Lugo, o que suporía o peche dos comedores do CEIP Castelao, en Vilalba e o CEIP de Muras, ademais dos de Donís e Cereixedo, en Cervantes; o de Negueira de Muñiz; O CEIP de San Clodio en Ribas de Sil; o Vicente Casabella en Ourol; e o CEIP Aníbal Otero en Ribeira de Piquín.

Mercadeo co ensino público

O responsable de educación socialista José Carlos Ferreiro referiuse duramente a esta posible redución nos comedores provinciais ao cualificar esta postura como cun “regateo de prazas e un mercadeo do ensino público”. Ferreiro tamén dixo que existe unha “indignación lexítima na comunidade escolar, xa que non se pode entender esta actitude frívola, por parte do Goberno, que presenta una proposta de máximos, coa intención de sacala adiante, para rectificar, ás primeiras de cambio, ante a presión da opinión pública e a contestación de partidos políticos e axentes sociais”.

Necesidade de especial atención

Ferreiro tamén lembrou que a provincia de Lugo ten unha peculiaridade xeográfica que require dunha especial atención por parte da Xunta de Galicia, “nun esforzo polo mantemento e mellora duns servizos públicos de calidade, que afonden na fixación da poboación no rural e no equilibrio territorial da nosa comunidade autónoma”.

Sociedade