Os titulares do tenso debate

Os titulares do tenso debate

11 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

"Feijóo refúxiase no ataque á oposición para exculparse das fotos co narco". "Goberno do PP e do bipartito deron axudas a empresas de Dorado". Feijóo: Qué fixen eu de ilegal?. Feijóo sementa novas dúbidas sobre a relación de Dorado coa Xunta. Novo exame para Feijóo. Son os titulares que hoxe nos ofrecen Praza, La Voz de Galicia, Galicia Confidencial, El Pais e Sermos Galiza arredor do tenso debate no Parlamento galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que foi un "erro" ter unha relación co contrabandista Marcial Dorado hai "dúas décadas", pero reiterou que cortou a relación co agora condenado por narcotráfico cando coñeceu as súas actividades. Por "equivocarse" e non actuar "con prudencia", ofreceu as súas "desculpas" aos galegos que llas pidan, pero tamén cargou contra a "hipocrisía" da oposición, a que acusa de recorrer á "insinuación" porque "a verdade frustra a infamia". Na súa comparecencia ante o pleno da Cámara autonómica, na que autorrespondeu a un total de 23 preguntas que el mesmo foi enumerando, o mandatario autonómico ratificou que a partir de 1997 se "arrefriou ata cortar" a relación con Dorado, ao que viu por última vez en 1999 con motivo do falecemento de Manuel Cruz. Precisamente, indicou que tamén a Cruz lle preguntou se era home de palla de Marcial Dorado e iso negóuselle "reiteradamente". Así mesmo, e sobre a posibilidade de que mantivesen algún contacto telefónico entre 2001 e 2003 con motivo de que Dorado lle felicitase "o seu aniversario ou o Nadal", manifestou que non é capaz de precisalo. Feijóo asegurou que a súa relación con Marcial Dorado limitábase a momentos de lecer e que estivo con el nos Picos de Europa, Tenerife, Baleares e Portugal, pero non en Suíza nin en Inglaterra. Tamén negou asinar ningún contrato con empresas de Marcial Dorado. Ademais, criticou as acusacións que viñan formulando contra el os grupos da oposición, afirmando que “non deron o talle” como deputados.
 
Pero o xefe do Executivo galego, en troques de defenderse, aproveitou a súa intervención para pasar ao ataque. Núñez Feijóo constatou a concesión de "axudas e subvencións" da Xunta a empresas vinculadas co narcotraficante Marcial Dorado e revelou que co anterior Goberno bipartito, conformado por PSdeG e BNG entre 2005 e 2009, se lles concedeu "máis diñeiro" que ningún outro goberno autonómico, incluídos os mandatos do falecido Manuel Fraga.

O debate no Pazo do Hórreo foi extremadamente subido de ton, con momentos de gran tensión. Os voceiros da oposición, especialmente Francisco Jorquera e Xosé Manuel Beiras, amosaron unha sentida indignación diante da estratexia do presidente de restar importancia á súa relación cun contrabandista condenado por narcotráfico. Tras escoitar a versión do mandatario autonómico, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, censurou que "mentres moita xente morría" a causa das drogas e do Sida, Feijóo viaxaba a A Illa de Arousa "a visitar o seu executor". Para iso amosoulle unha imaxe da chamada xeración perdida, os mozos que pereceron a causa da droga.

O representante de AGE, Xosé Manuel Beiras, visiblemente emocionado, acusou a Feijóo de "violar os principios da ética social" e de representar a absoluta falla de moral levada ao escenario da política, ao desprezar con lixeiras escusas a gravidade da situación que se viviu en Galicia por mor da droga. "Faime chorar de noxo" espetoulle Beiras entre bágoas.

Pola súa banda, o socialista Pachi Vázquez descartou que o presidente galego non coñecese a Marcial Dorado, tirando de ironía ao sinalar que "seguramente é quen mellor coñecíao, xa que andaba todos os días con el". E, tras reprocharlle que non se desculpe con Galicia, apelou á súa "xenerosidade" para que dimita e non comparta o seu "via crucis" con todos os galegos.
O voceiro do Partido Popular, Pedro Puy, eloxiou a enteireza de Feijóo diante do que cualificou como “ameazas” da oposición

No Parlamento estivo, entre as nais que loitaron contra o narcotráfico nas Rías Baixas, a que fora presidenta da Asociación Esperta Cambados, Carme Durán. Manifestou sentir "vergoña" pola comparecencia do presidente da Xunta, sobre a que dixo queconstituíu unha "infravaloración ao traballo (das nais e sociedade) e ás vítimas". Durán non puido reprimir as bágoas polo que escoitara ao sentir "menosprezado" o seu labor voluntario e ao advertir que sente "de novo medo", como nos anos 90. Afirmou que as persoas vinculadas ao narcotráfico “dende o pasado domingo andan con máis alegría”.

Sociedade