Os traballos de construción da Autovía da Costa da Morte entre Carballo e Berdoias comezan este verán

Os traballos de construción da Autovía da Costa da Morte entre Carballo e Berdoias comezan este verán

10 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Á terceira irá a vencida. Logo de que a primeira adxudicación do bipartito fose rexeitada pola Xunta do PP, e que un novo proxecto da Administración Feijóo ficase paralizado entre denuncias de sobrecusto, desta volta o Goberno si asinou o contrato de concesión de obra pública para iniciar os traballos de construción da Autovía da Costa da Morte entre Carballo e Berdoias. O asfalto comezarase a botar en agosto.

A infraestrutura máis veces acometida polos gobernos recentes cobre 42 quilómetros de traxecto entre a capital da comarca de Bergantiños, Carballo, e a parroquia de Berdoias, no municipio de Vimianzo, cunha calzada de dous carrís en cada sentido da circulación que logo se reducen a un nas conexións que chegan ata Cee e Fisterra. Coa nova infraestrutura prevese un aforro de tempo para os usuarios de 17 minutos e un aumento considerable da seguridade, xa que se eliminará o paso requirido até agora por 15 quilómetros de travesías. O trazado contará con 13 enlaces, un cada tres quilómetros e medio. O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou que o Executivo autonómico cumpriu até agora todos os compromisos de prazos, e que conta con facelo no que se refire á execución dos traballos. A apertura ao tráfico programouse para o verán de 2013. Para iso, as máquinas comezarán o traballo en agosto, anticipou.

A autovía atravesará os municipios de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Zas e, segundo o Goberno "suporá unha importante mellora nas comunicacións entre a Costa da Morte e a Coruña". A adxudicación das obras, por un importe de 745 millóns de euros, foi para un consorcio formado polas construtoras galegas Copasa, CRC, Covsa e Taboada e Ramos. A Xunta salientou que se trata da "primeira infraestrutura licitada polo procedemento de colaboración público-privada que se adxudica baixo a fórmula de canon de dispoñibilidade anual e non canon de demanda. O novo sistema fixa un importe máximo ofertado pola sociedade concesionaria que se regula en función da calidade do servizo e tendo en conta tamén o estado da vía. Agustín Hernández avanzou que esta será a fórmula recorrente no futuro porque é a predilecta das entidades financeiras.

Sociedade