Os veciños da Fracha convidan a Ana Pastor a pasear pola serra ameazada pola A-57

Os veciños da Fracha convidan a Ana Pastor a pasear pola serra ameazada pola A-57

30 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A plataforma veciñal Salvemos a Fracha entregou 20.000 sinaturas ao Ministerio de Fomento para pedir que paralice o proxecto para construír a autovía A-57. Os apoios recolléronos tanto a través dunha petición na plataforma dixital Change.org como en persoa nos distintos actos reivindicativos organizados polo colectivo. As sinaturas van dirixidas á ministra de Fomento, Ana Pastor

Salvemos a Fracha quere demostrar coas sinaturas que a este proxecto non só se opón un grupo de veciños, senón unha plataforma que conta co apoio de colectivos sociais, ecoloxistas e culturais e miles de cidadáns que apoian e defenden as razóns esgrimidas e piden a paralización do proxecto. O colectivo reitera á ministra o seu convite a pasear pola serra da Fracha para que coñeza un espazo natural moi vivido pola veciñanza.

A carta insiste en que o colectivo leva un ano opoñéndose ao proxecto da autovía A-57, defendendo o monte pontevedrés e transmitindo que esta infraestrutura non é a circunvalación de Pontevedra que moitos políticos se empeñan en vender, en atención ao seu trazado e condicións técnicas. De feito, segundo a plataforma, os propios técnicos do informe do Ministerio de Fomento refírense a esta autovía como corredor norte-sur A-57 e nunca como circunvalación. Contra esta autovía presentaron tamén un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional.

Sociedade