ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Plan de Mellora das Infraestruturas da D.O Valdeorras, para facilitar o acceso a viñas e adegas nos concellos amparados por esta denominación, contrataráse en breve. Afirmouno así esta mañá o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante o acto de presentación e cata dos primeiros viños tostados e doces elaborados pola D.O. Valdeorras a partir de uva conxelada e pasificada.
Estes novos viños son o resultado do proxecto de investigación iniciado no pasado mes de setembro ao abeiro da liña de axudas denominada Accións de Cooperación para o desenvolvemento de novos Produtos, Procesos e Tecnoloxías, a través da cal contou cun financiamento de 45.000 euros. Neste sentido, Suárez Canal explicou que “a través destas accións de cooperación, a Consellaría do Medio Rural está a apostar pola innovación como creación de valor engadido e calidade diferenciada na industria alimentaria galega”.
No caso concreto da investigación realizada para a elaboración de viños doces e tostados na D.O. Valdeorras, o conselleiro sinalou que “fomenta a cooperación entre os viticultores como produtores da materia prima, a industria como elemento dinámico da innovación e comercialización e os centros de investigación e os centros tecnolóxicos, dando como resultado a diversificación dunha produción de calidade orientada a acadar novas oportunidades de mercado”.
Esta investigación, levada a cabo polo Consello Regulador da D.O Valdeorras coa colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza (EVEGA), centrouse en recuperar a elaboración de viño tostado a partir de uva pasificada tras varias semanas de secado natural, unha tradición vitivinícola xa existente na zona de Valdeorras. De modo parello, o proxecto incluíu un proceso novidoso en Galiza, consistente na elaboración de viño doce mediante a conxelación parcial da uva. En ambos os dous procesos, as castes de uva coas que se decidiu experimentar foron a caste branca autóctona Godello e a tinta Garnacha.
En palabras de Suárez Canal “o obxectivo principal desta iniciativa é a obtención dun produto novo, de elaboración especial que permita abrir novos mercados, máis especializados, mellorar a imaxe de marca e afianzar a produción xenérica da D.O. Valdeorras”. “Deste xeito- continuou o conselleiro- non só se contribúe a mellorar a economía dos viticultores e adegas desta denominación de orixe, senón que dignifica e prestixia a actividade vitivinícola desde o punto de vista social e cultural, actuando como reclamo para a incorporación de novos activos e mantendo a actividade agraria na zona”.
O conselleiro adiantou que orde de axudas Accións de Cooperación para o Desenvolvemento de Novos Produtos, Procesos e Tecnoloxías, na convocatoria 2009 sairá publicada no DOG ao longo do presente mes de febreiro e contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros.
Así mesmo lembrou que esta liña de axudas fora convocada por primeira vez no ano 2007 cun orzamento de 1,4 millóns de euros co que se auxiliaron 17 proxectos, mentres que no ano 2008, a aposta pola innovación viuse reforzada acadando un orzamento de 2,4 millóns de euros cos que se subvencionaron un total de 20 proxectos. A orde contempla que cada proxecto seleccionado pode ser subvencionado con ata 200.000 euros para unha actuación de tres anos de desenvolvemento.