Ou abrimos pronto ou nada

Ou abrimos pronto ou nada
28 de Abril, 2020 - 11:29 h. | Publicada por Radio Fene

Charlamos con Ramón Domínguez, pequeno comerciante de Fene, membro da asociación do comercio e da hostalería O Cruceiro, desesperado porque a mercancia de temporada xa está lista na fábrica e eles non poden vendela. Ou abren pronto os comercios ou nada.

ESCOITA O PODCAST:

Ramón Domínguez, xestor da tenda de moda e calzados Mayka, na avenida Marqués de Figueroa de Fene desde hai 28 anos, nunca se veu nunha situación tan negra como esta. Recoñeceuno nunha entrevista que esta mañá o sacou da súa preocupación diaria e da incerteza de cando poderá abrir as portas do seu comercio. “Cando saiamos, máis que nunca, merca no comercio local” Este vai ser o lema co que o concello de Fene apoiará aos pequenos comerciantes do municipio unha vez que poidan abrir. Ramón agarda que sexa pronto porque no comercio pequeno é doado regular a entrada das persoas. Pódese cumprir facilmente co distanciamento entre clientes. Non é como nas grandes áreas comerciais que o teñen máis complicado. De feito o goberno está barallando abrir primeiro o pequeno comercio.

Argumenta Ramón Domínguez que esta crise feriunos a todos de gravidade pero razoa que
“no comercio temos encargada a roupa e o calzado de temporada con seis meses de antelación, a fábrica ten rematado o produto e hai que pagalo”. Váiselles facer moita mercancía para vender nunha temporada, a de primavera-verán, xa iniciada e que será moi curta. Manteñen o seu diálogo cos fabricantes cos que teñen neste momento medio apalabrada a solución de repartir as perdas. “Se isto tarda moito máis, xa nada” sentencia Ramón, que aínda así ten unha mensaxe positiva que transmitir: “Todo o mundo se está portando fenomenal. Ningún propietario de locais de Fene está cobrando os alugueres e iso é de agradecer”. "Remando xuntos, todo é mellor", declara Domínguez.

(Na imaxe, Ramón Domínguez coa concelleira de Promoción económica, Ana Basoa, con motivo do último Outlet celebrado en febreiro).

Sociedade

Publica o teu comentario agora