Ourense reivindica os saberes tradicionais como “armas de futuro”

Ourense reivindica os saberes tradicionais como “armas de futuro”

10 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Praza Maior de Ourense acollerá desde hoxe martes ata o sábado a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial. Trátase dun evento, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, o Concello de Ourense e o proxecto Ronsel, que ten por obxectivo achegar ao público a utilidade actual dos saberes tradicionais.

Obradoiros, debates, proxeccións, xogos, música ou exposicións compoñen as máis de 50 horas de actividades culturais que se realizarán na Praza Maior de Ourense. A mostra destacará, a través da instalación de casetas específicas, catro valores do patrimonio cultural inmaterial: reciclaxe, comunidade, utilidade e contacto. O director do proxecto Ronsel, Iván Area, salientou en Radiofusiòn que estes son termos “de moda” na sociedade actual, pero de gran arraigo na cultura tradicional.

Esta ampla programación celébrase conxuntamente co magosto ourensán, xa que, segundo argumenta Iván Area, “o magosto é unha das mostras máis interesantes de patrimonio inmaterial que temos vivas”. A música porá o broche final a cada unha das xornadas do festexo. Os grupos Coanhadeira, Tinta Femia, Leilía e os Carunchos serán os encargados de pór banda sonora á Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial.

Sociedade