Pablo García, de Arzúa, gaña o premio Biblos de narrativa para menores de 25 anos

Pablo García, de Arzúa, gaña o premio Biblos de narrativa para menores de 25 anos

10 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Pablo García Martínez (Arzúa, 12-12-1985) é o gañador da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou no transcurso dunha cea que na noite do venres 10 de xullo reuniu na Casa Grande do Bachao (Santiago) a un cento de personalidades do mundo cultural galego. A obra, que ten o título provisional de «Relato dun estalido xordo», comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará co

Pablo García Martínez marchou a Euskadi aos 17 anos para cursar a carreira de xornalismo na Universidade do País Vasco (EHU) durante dous anos, antes de tramitar o seu traslado á Universidade de Compostela. Nela estivo os cursos académicos 2005-2006 e 2006-2007 antes de cursar o último ano académico na Universidade de Coimbra, ao abeiro do programa Erasmus. Dende xullo do ano 2008 traballa no xornal dixital Vieiros, encargándose principalmente da sección deportiva, mais tamén doutros temas que lle solicita puntualmente a dirección do medio. Durante este ano combinou o traballo no diario dixital coa xestión das páxinas web Galiza Olímpica e Nsaio.

O premio achégalle ao gañador unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a tutela de Manuel Rivas e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.

Con Pablo García Martínez foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre, tamén presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa. As tres edicións anteriores foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor; Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade, e Berta Dávila que recibiu de Agustín Fernández Paz a axuda para rematar a súa Bailarei sobre a túa tumba.

O xurado considera que o proxecto de Pablo García Martínez é potencialmente moi interesante e que o traballo realizado sobre o texto inicial anuncia unha novela que será quen de reflectir o mundo dos adolescentes dunha pequena vila do interior de Galicia. Un lugar que ben pode ser un trasunto da Arzúa natal do autor.

Contextualizada a acción dentro da cultura pop, o grupo de protagonistas son mozas e mozos sumidos nas transformacións da adolescencia e a trama principal usa como fío condutor unha noite de troula para procurar deterse a debuxar as múltiples miserias que compoñen esa idade chea de inseguridades que os protagonistas partillan, ás veces falando e outras sen conseguir facelo. Os pensamentos que secundan cada un dos seus inseguros xestos ansiosos de aprobación dan forma a un mundo propio e singular.

Para o xurado, o traballo desenvolvido polo autor desde o esquema inicial deica agora e a súa dedicación alentan o descubrimento duna nova figura no panorama das promesas literarias galegas.
Antes da lectura a acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun concerto do Cuarteto de Clarinetes Xerión integrado por Lola García, Mariola Gil, Juan Pérez e Joaquín Meijide.  

Entre os asistentes estaban o mago Antón, que fixo as delicias dos asistentes con varias sorpresas sacadas da manga na sobremesa; o gaiteiro Carlos Núñez, escritores como Carlos Caneiro e Alfredo Conde, mebros de Pazos de Galicia, editores, libreiros, e representantes de institucións culturais do país.

Cultura