Pablo González (Sorteo Político): “Para chegar a candidato dun partido tes que pasar unha criba de corrupción”

Pablo González (Sorteo Político): “Para chegar a candidato dun partido tes que pasar unha criba de corrupción”

10 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Sorteo Político, unha das formacións alternativas que comparecen na campaña electoral, fai súa unha frase formulada polo ilustrado francés do século XVIII e autor de O Contrato Social, Jean Jacques Rosseau: “A selección por sorteo é natural da democracia”. Os integrantes desta formación que se presentan nas localidades de A Coruña e Bergondo comprométense ante notario a, no caso d

Escoller aos representantes públicos ao chou é un método inserido no xermolo mesmo da democracia. O politólogo Pablo González caeu na conta estudando unhas oposicións, e decidiu levar á práctica un dos principios formulados nas ágoras atenienses para que as elites non acaparasen o poder o puidesen entrar axentes novos no Goberno da república. “Non hai nada máis democrático que o sorteo”, defendeu en Radiofusiòn.

Sorteo Político di non buscar a modificación da lei electoral, senón aproveitar a que hai e que contempla unha disposición mediante a que, se un partido non conta con xente abonda na lista para cubrir as actas gañadas nas eleccións, poden designar libremente aos ocupantes das mesmas. Pablo González e os seus candidatos, no caso de obter representación, renunciarán ao posto de edil ante notario e sortearán a praza entre os inscritos na súa páxina web. A fórmula é novidosa e tampouco se lle coñecen réplicas noutros países.

O novo partido anima a formar parte do sorteo a calquera veciño que pense que “pode facelo igual ou mellor” que os representantes vixente. Requirido por se a fórmula pode favorecer que chegue ao Goberno local xente movida por intereses particulares, González sostén que “iso xa pasa agora” e que o exercicio da gobernanza é “coaligado: son moitas persoas e teñen que chegar a acordos”.

Ademais, Sorteo Político critica que os líderes dos grandes partidos non asuman responsabilidades individuais. Sostén que as forzas tradicionais usan a campaña para lanzar “consignas sentimentais” e non para explicar o seu programa, e que dos candidatos só se lles coñece o nome e chegan aí “tras pasar unha criba de confianza ou corrupción” no seo do seu partido. “É un círculo vicioso”, resolve Pablo González.

Sociedade