Paixón polas Artes

Paixón polas Artes
26 de Xaneiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Tal dia coma hoxe de hai 100 anos, o 26 de xaneiro de 1921, Castelao chega a París. Está pensionado pola Junta para ampliación de Estudios, con destino en Francia, Bélxica e Alemaña, desde xaneiro a novembro dese mesmo ano. Durante esa estancia, Castelao escrebe un diario que acaba de ver a luz grazas ao Museo de Pontevedra e a editorial Galaxia.

Castelao merca un caderno de 300 páxinas onde escrebe sobre as cidades onde vive e sobre os movementos artísticos que vai vendo nos numerosos museos e exposicións que visita. Inclúe nesas páxinas máis de 100 debuxos que pega no caderno. Entre as conclusións que tiramos deste diario pódense destacar algunhas que quedan claras; a morriña que sente pola terra, a xenreira que lle produce a vida de París que o reafirma na querencia polo rural. Non entende aos cubistas e iso que se esforza. Non entende a fama de Picasso. Tolea polos antigos pintores flamengos. Gosta da caricatura e do humor. Descubre que Galiza é mellor que eses países en moitas cousas. Quere aprender do gravado e busca ideas de cousas que facer á volta en Galicia, entre elas no teatro. Gosta das músicas da rúa. Bota en falta á súa muller e ao seu filliño cada día pero conclúe que ten que aproveitar a ocasión e ser valente. Comproba que as mulleres en París levan un can e en Bruxelas, unha bicicleta. Para mostra deixamos algúns parágrafos da primeira páxina escrita por Castelao no diario, tal dia coma hoxe, 26 de xaneiro de 1921.

” Cheguei a París. Ó vir de Madrid non puiden fitar a paisaxe de Baskonia e soamente ollei a de Burgos, por certo que ó ver un monte daqueles, cheo de ovellas, pareceume un viveiro de vermes bulindo nunha pelexa podre. Vivo no burgo dos estudantes, rue Cujas,9, 5º A no hotel Saint- Michel, e teño unha morriña que me esmaga… As pedras de aquí non teñen pelella como as da terra miña e por iso non viven as pedras anque fagan máis efecto de movemento: son negras como o demo…

Ó saír de Notre- Dame fun comer nun restaurante chamado L´Ami que tiña o seguinte letreiro: “Quoi qu´on dise, quoi qu´on fasse, veut mieux être ici qu´en face”. ¡ Recodio! ¡ Coma que diante do restaurante está o Sena coas súas augas arremuiñadas que fan rezar polos que afogaron nelas!. Teño unha morriña que me fende.

Esquecíame dicir que sei menos francés do que pensaba. ¡As elegancias! Temos unha gata no hotel que anda á xaneira; pero eu coido que é finxido”.

 

(Reproducción da foto de portada do "Diario 1921. Castelao")

Cultura

Publica o teu comentario agora