Pakolas anda de xira polo Nadal

Presenta "Ramona Órbita, a dona do tempo" nunha xira por Galicia
13 de Decembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Neste mes de Nadal Pakolas segue coa súa xira de presentació do disco-cd "Ramona Órbita, a dona do tempo". Visitará Lugo na súa Muralla das Letras promovido pola Deputación de Lugo, Santiago de Compostela na Festa do Apego promovido polo Servizo de Normalización Lingüística, Vimianzo e Teo nas actividades do Nadal apoiadas pola Deputación de Coruña, ou Vilalba, A Estrada, Lugo, Muros, Melide e Salceda de Caselas, promovidas polos respectivos concellos. Ademais despedirá este trimestre escolar cos concertos nos coles.

Paco Cerdeira, máis coñecido como Pakolas entre o público infantil, edita o seu segundo libro-cd da man da editorial Galaxia na colección Sonárbore, "Ramona Órbita, a dona do tempo". Neste mes de Nadal segue coa súa xira de presentación, nunha das datas mais sinaladas para a rapazada. Neste novo libro contan e cantan con ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

O libro-cd

Pasando as follas e escoitando as cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores. Esta é a historia que nos presenta Paco Cerdeira, Pakolas, no seu último traballo, o libro-cd de música infantil “Ramona Órbita. A dona do Tempo”, unha personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona. Esta é unha muller ben curiosa e sobre todo preocupada polo medio ambiente e por protexer a natura, e mellorar o noso futuro. O libro-CD recolle o conto de Ramona e as letras das 10 novas cancións de Pakolas que artellan toda a historia relatada neste aventura, así como un link de descarga para as unidades didácticas. Conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos mais cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas peripecias. Ademais conta coa estrea do último vídeoclip, da canción incluída no librodisco “Betume e Vendas” en youtube.

Traxectoria de Paco Cerdeira

Paco Cerdeira comezou os seus pasos como membro de Mamá Cabra, e tras case dez anos formando parte desta formación, en 2014 decide formar unha banda de música infantil, e nace así A Gramola Gominola, que conta xa con tres libro-discos editados por Sonárbore (Ed Galaxia), “A Gramola Gominola” (2015) do que é autor de tódalas cancións, "Cancións para desafinar" (2017) e "Bravas. O rexurdir da luz" (2019), nos que conta cunha gran parte das composicións. A finais do ano 2015 comeza a artellar o seu proxecto persoal e nace así a proposta de “Pakolas” na que segue a traballar para os cativos con letras e composicións propias. O seu primeiro traballo en solitario sae á luz en novembro de 2017, un libro-disco editado pola Editorial Galaxia na súa colección Sonárbore, co seu nome “Pakolas”, e conta con dez cancións en galego feitas en colaboración e co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. "Agora" en 2020, e na mesma colección Sonárbore, sae editado este seu segundo libro-disco titulado “Ramona Órbita. A dona do tempo”.

Os seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, xiran por todo o país cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura e apoiada neste novo libro-cd ilustrado. Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén, e como non, de moito divertimento.

Mais información poderán atopar na súa páxina web http://www.pakolas.com/axenda"

Cultura

Publica o teu comentario agora