Pancia mia, fatti capanna

Pancia mia, fatti capanna
24 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pasta é un alimento moi ben considerado porque enche o bandullo, é sabedora, barata e fácil de preparar. Os fideos para a sopa foron os primeiros en chegar canda nós.

A pasta é un alimento hoxe moi común, feito de fariña de trigo candeal. Con auga e sal,e ás veces con ovo. Hai anos usabase só para a sopa, mais hoxe está moi presente na dieta.Dos fideos finos e gordos, pasamos a outras pastas mais requintadas: macarróns; espaguetis; tallarines; vermicelli; pappardelle; fettuccine; linguine, tagliolini, ziti, perciatelli, pappardelle ou linguine…Os ravoilli ou tortellini- bolsiñas recheas de verduras- cogomelos, carne, etc e as láminas para facer lasaña gratinada ao forno.

Para cocer a pasta hai unha chea de requisitos: moita auga a ferver, botar a pasta na auga fervendo, salgada e cunha cullerada de aceite para que non se pegue entre ela. Se nos gusta que quede ao dente, o tempo para as pastas planas ou espaguetis vai de 8 a 12 minutos. Engadimos á salsa, polo xeral un rustrido feito con tomate, con ou sen carne picada, ou con productos do mar (mexillóns, gambas, ameixas ou langostinos).

Os italianos presumen de ser os inventores da pasta aínda que a tradición diga que foi Marco Polo (viaxeiro veneciano do século XIII que nos deixou unha xoia na literatura de viaxes como é “O libro das marabillas”, onde relata os periplos pola China e polas terra do Gran Khan) quen as trouxo. Tamén se di que foron os árabes os que as introduciron por Sicilia. Arqueólogos chineses afirman que é un invento chinés tras descubrir tallaríns nun recipiente de barro soterrado na que é a Pompeia chinesa (cidade de Lajia) de 4.000 anos de antiguidade.

En Galicia, hai anos, nin Cunqueiro nin a Condesa de Pardo Bazán lle prestaron atención. Os que temos unha idade lembramos só os fideos gordos na sopa de galiña ou do cocido. Logo chegaron as letras e estreliñas da que gostaban os cativos. Logo foi o tempo dos macarróns acompañando a carne pero nada que ver cos spaguetti de hoxe empapados no tomate, con carne picada, bonito ou calquera outra cousa.

A biblia da cociña italiana “A culler de prata” ofrece a modo de diccionario unha chea de receitas explicando o prodectu, o aderezo e a prebe. O libro traduciuse ao castelán no ano 2007 despois de levar medio século sendo o máis vendido en Italia. É unha axuda inestimable, moi útil, para cociñar ben a pasta.

Sempre nos quedará Italia. Pancia mia, fatti capanna. Esta é a frase perfecta para decir antes de comer, pois significa que é tempo de facer sitio para a deliciosa comida que está a punto de ser servida. Buon appetito! 

(Na imaxe, prato de pasta degustado en "Tandem ragú" unha das  tratorías máis auténticas de Napoli).

Cultura

Publica o teu comentario agora