Parálise no proxecto de ampliación do centro de saúde de Ares

Parálise no proxecto de ampliación do centro de saúde de Ares

06 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O proxecto de ampliación do centro de saúde de Ares non vé a luz. Tras a posta a disposición o ano pasado duns terreos polo concello aresán o modelo presentado polo bipartito foi rexeitado pola actual Xunta de Galicia. O goberno autónomo require agora a cesión dunha parcela pública para a construcción das novas instalacións sanitarias financiadas con iniciativa privada.  

Cando se albiscaba hai un ano a realización da ampliación do ambulatorio de Ares, agora co goberno de Núñez Feijóo desbótase. O alcalde de Ares, Julio Iglesias, sinalou este mediodía que o Concello aportou distintas propostas provisionais para atender aos veciños e veciñas, como o uso da antiga casa do concello como centro de saúde temporal. Os esforzos foron en balde e co incremento da poboación Ares atópase con moitas carencias na asistencia sanitaria. Adoecen dun médico e unha enfermeira máis que lles corresponde por territorio, ademais os nenos son atendidos na mesma sala de espera que os adultos e non contan cun servizo de cirurxía ambulatoria, entroutras carencias.  

Os profesionais do centro reuníronse este mediodía co rexedor aresán e co deputada socialista, Beatriz Sestayo para comunicarlles os déficits das instalacións existentes, con 20 anos de antiguedade, así como a situación actual de descoñecemento do proxecto de ampliación do centro. 

Sestayo presentará tres iniciativas no parlamento galego. Unha pregunta oral, unha escrita e unha proposición non de lei mañá mesmo, na que demandará de xeito inmediato a ampliación do centro de saúde de Ares.   

Pola súa banda, o alcalde de Ares Julio Iglesias, declarou que o PP se limita a dar xiros e máis xiros sen plantexar un proxecto definido e unha vía de solución. Cando todo parecía resolto está nunha parálise total. 

 A situación está a perxudicar  un dereito básico como é a  saúde e as listas de espera engrósanse. No peor dos casos, se a única vía é a cesión dun terreo para a construcción privada, o alcalde explicou que non terían máis remedio que botar man desta “mala” solución. Iglesias non comprende como antigo plan con financiación 100%  pública non satisface ao Sergas e á Xunta e apunta directamente a un  desexo encuberto dun novo modelo a prol da iniciativa privada.

Institucional