Para amantes do queixo

Para amantes do queixo
15 de Setembro, 2026 - 09:03 h. | Publicada por Radio Fene

"Un pouco de queixo pola mañán, a mediodia queixo con pan e pola noite, queixo, se mo dan". "Do queixo non me queixo que me queixo do que deixo". Son só dous refráns galegos que nos falan do amor por este produto tan tradicional na alimentación galega. Neste 2026, Galicia produce o 42% do leite do Estado pero ainda ten marxe de mellora no sector do queixo. 

Fotografia Xan Xe

O vindeiro sábado 26 de setembro de 2026, celébrase a II Feira do Queixo de Sillobre. Tras o rotundo éxito da primeira edición, a Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Agarimo e a Gandería Sillobre suman de novo forzas para organizar este evento que promete consolidarse no calendario festivo de Fene e da comarca de Ferrol.
O escenario e os horarios
A feira abrirá as súas portas de xeito oficial ás 10:00 da mañá e prolongarase ata as 18:30 horas, aínda que a organización avisa de que o ano pasado a xornada se alargou moito máis debido ao bo ambiente.
Se o tempo acompaña, os postos situaranse no adro da igrexa de Sillobre. Non obstante, a organización previu un plan B por se aparece a choiva: "Temos todo listo para trasladar a feira ao interior do local de Agarimo se fose necesario, hai que estar preparados para o que poida pasar", explicou Eva Fraga, presidenta da sociedade.
Máis de quince postos e moita variedade
Nesta ocasión, a feira contará con 16 postos confirmados que ofrecerán unha ampla variedade de queixos con denominación de orixe e elaboración tradicional. Os visitantes poderán mercar e degustar produtos chegados de diferentes puntos de Galicia e Portugal, incluíndo queixos de Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa (Lugo), queixos afumados, curados, queixos de untar e produtos de queixerías locais como Lácteos Bretón ou Bisqato. Ademais, haberá postos complementarios con mel e marmelo. Un dos grandes atractivos será a posibilidade de realizar unha cata gratuíta en calquera dos postos antes de mercar.
O produto local: queixo fresco e requeixo de Sillobre
Os grandes protagonistas da xornada serán o queixo fresco e o requeixo 100% natural elaborados por Gandería Sillobre. O seu xerente, Eloi Seijas, lembra que na primeira edición esgotaron todas as existencias antes das dúas do mediodía. "Este ano faremos un maior stock de requeixo, que leva varios días de elaboración, pero o queixo fresco faise sempre o día anterior co leite que nos dean as vacas", sinalou Seijas, quen agora se dedica en exclusiva a coidar das súas 32 vacas e a producir este manxar.
Showcooking e animación tradicional
A gastronomía non será o único aliciente da feira. O programa inclúe as seguintes actividades complementarias:
Showcooking en directo: O cociñeiro José Loureiro, da escola Icook, volverá sorprender ao público creando delicias culinarias co queixo fresco e o requeixo local como ingredientes principais.
Música tradicional: A xornada estará amenizada polas actuacións do grupo de música da S.C.R.D. Agarimo.
Pasarrúas: As  cabezudas do colectivo Piruchela de Neda encargaranse de encher de cor e animación o recinto.
A organización convida a toda a veciñanza e aos amantes do queixo a achegarse a Sillobre o vindeiro 26 de setembro para gozar dun sábado diferente arredor dun dos mellores manxares da nosa terra.

 

 

Imaxe da I Feira do Queixo de Sillobre. 2025

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora