Para Andrea

Para Andrea
20 de Febreiro, 2023 - 03:47 h. | Publicada por Radio Fene

“É unha das mellores festas. A nós encántanos.” Viven moito o entroido no colexio de Centieiras. Falamos con Mari Caballero, Ledicia Trillo e Juanjo Teijeiro dos preparativos da Comparsa de Entroido que este ano é especial. Está moi presente, a pesar da distancia, Andrea, unha nena do colexio que ten un problema de saúde polo que está a tratamento nun hospital de Madrid.

ESCOITA O PODCAST:

“Implicámonos todos moito, uns ocúpanse das músicas, outros dos bailes, as merendas, o papeleo... e pasámolo moi ben”. Levan cos preparativos des que pasou o Nadal. Este ano están implicadas oitenta  seis persoas entre nenas, nenos e adultos. "A xente ten gana de festa", sinalan. Levan moitos anos participando no Entroido. Este ano a temática son os xogos e prepararon dúas cancións. Unha de ACDC e outra, "Alocada, unha versión da Despechá de Rosalía". Esta foi proposta por Andrea, unha alumna do centro á que lle gusta moito participar e este ano non pode estar debido a un problema de saúde. "Ela quixo participar dalgunha maneira e escolleu a canción Despechá de Rosalía como tema principal". Está en Madrid pero non ao marxe, "todos os días no cole hai mandatos da bruxa Encarnación e ela está facendo os mandatos desde o hospital”. Todos a queren moito e bótana de menos, queren que o saiba. Por iso "está dedicado para Andrea e tamén para a súa mamá e o seu pai". 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora