Para escapar das redes dos tecno-oligarcas

Para escapar das redes dos tecno-oligarcas
29 de Marzo, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou en Santiago de Compostela un obradoiro formativo centrado no uso do Fediverso como alternativa ás redes sociais tradicionais, impartido polos expertos en comunicación dixital Joxe Rojas e Rafael Alcalde. Baixo o título “Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sanas”, a sesión serviu para que profesionais dos medios de comunicación coñecesen de primeira man novas ferramentas dixitais que permiten construír espazos máis éticos, descentralizados e respectuosos coa lingua e coa comunidade.

Durante a xornada, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de crear os seus propios perfís na plataforma Mastodon, iniciando así o camiño cara unha maior autonomía dixital e unha comunicación máis sostible e saudable. O obradoiro contou tamén coa intervención de Rafael Alcalde, administrador de Mastodon.gal, quen achegou a súa experiencia na creación e dinamización dunha comunidade dixital en galego dentro do Fediverso, destacando o potencial destas ferramentas para reforzar a presenza da lingua no ámbito dixital. Desde AMEGA salientan que este obradoiro supón “poñer a primeira pedra para unha comunicación máis sana e en galego”, apostando por un ecosistema mediático máis forte, colaborativo e libre de dinámicas que condicionan a visibilidade dos contidos na rede. E convidan a todos os medios en galego a crear unha comunidade no mesmo. A actividade enmárcase dentro do proxecto presentado por AMEGA á Deputación da Coruña, orientado ao fortalecemento dos medios en galego e á súa adaptación ao novo ecosistema dixital. Así mesmo, o obradoiro contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cedeu as instalacións do edificio CERSIA para o desenvolvemento da sesión na xornada de onte sábado.

Cultura

Publica o teu comentario agora