Para iniciarse na agricultura ecolóxica

Para iniciarse na agricultura ecolóxica
11 de Outubro, 2021 - 11:18 h. | Publicada por Radio Fene

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre iniciación á agricultura ecolóxica en San Sadurniño. Celebrarase na Casa da Cultura dende o mércores 13 ata o venres 15 en horario de tarde (15:30 a 20:30 horas). O obxectivo desta formación é difundir as técnicas de produción ecolóxica e dar a coñecer a realidade práctica da produción ecolóxica como actividade económica, á vez que se fomenta unha redución de uso de produtos químicos na horta.

Feira da Faba de Moeche. Fotografía: César Galdo

Así, o programa desta acción formativa vaise levar a cabo en tres sesións. O primeiro día farase unha introdución á agricultura ecolóxica, realizando unha comparativa coa produción convencional. Abordarase a calidade dos produtos ecolóxicos e a súa comercialización, ademais do control de pragas, enfermidades e malezas. O segundo día tratarase o solo e a súa fertilización, así como as técnicas de cultivo específicas para cada produto. A última xornada visitarase unha horta profesional ecolóxica.

Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021 e envialo ao correo electrónico oac.seca.ferrol@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 337 044para obter máis información.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Institucional

Publica o teu comentario agora