Para manter as características naturais do territorio

Para manter as características naturais do territorio
15 de Xullo, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Os bosques cobren case o 31 % da superficie do noso planeta e albergan máis do 80 % de todas as especies terrestres de animais, plantas e insectos.

ESCOITA O PODCAST:

Con todo, a deterioración da biodiversidade está a producirse a un ritmo máis rápido agora que en calquera outro momento da historia da humanidade. Unha situación máis que preocupante que ten sido obxecto de recoñecemento nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles que Nacións Unidas estableceu como prioritarios na Axenda 2030. 

Traballar na consecución deste obxectivo está nas mans no só dos Estados e Gobernos, tamén as entidades poden participar de propostas encamiñadas á protección dos ecosistemas terrestres. Unha destas entidades é Betula.

A, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, Betula, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio. Dende a súa constitución, no ano 2013, Betula da soporte a actividades de divulgación, investigación, xestión de terreos e colaboración con outras entidades en accións que redunden na protección e conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico galego. A súa ferramenta de traballo principal é a “custodia do territorio”, que non é outra cousa que poñer os medios para que o territorio siga a manter as súas características naturais, as súas especies, orografía, fauna e flora autóctona e, naqueles lugares nos que esta situación teña sido transformada de xeito artificial, este reverta na súa situación natural. Para falar das actividades que desenvolven dende a Asociación acompáñanos hoxe César Yáñez e Luísa Montero, que forman parte da súa xunta diretiva. 

O Obxectivo 15 busca protexer e restablecer os ecosistemas terrestres, xestionar sostiblemente os bosques, loitar contra a desertificación, deter e investir a degradación das terras, e deter a perda de biodiversidade. Un traballo imprescindible que debera atinxirnos a todos e todas porque os ecosistemas terrestres son vitais para o sostemento da vida humana de moitos xeitos. Son moito máis que unha parte fundamental do PIB mundial; son sustento efectivo da vida dos seres humanos dun xeito holístico, non só para o sustento físico mais tamén para valores económicos, culturais e incluso espirituais. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora