Para perderse nun bo libro

Para perderse nun bo libro
01 de Xullo, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

Chega o verán e sabemos que o que máis che gusta é perderte nun bo libro. Para que poidas gozar deste pracer da lectura, realizamos unha selección, do xénero que máis gusta aos lectores de todo o mundo, a novela negra. Este dez libros seleccionados polo escritor Antonio Tizón son obras representativas da literatura galega. Faite con elas, non podes deixar de lelas. Estas vacacións mete na túa maleta os misterios e as intrigas dos mellores autores que temos deste xénero. Empezamos nesta xornada por Crime en Compostela de Carlos Reigosa.

ESCOITA O PODCAST:

Comentario de Antonio Tizón na voz de Henrique Sanfiz:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/010724SANFIZ.mp3

Fotografia Xan Xe

Antes de acometer a selección de dez novelas negras galegas como lecturas recomendadas para este verán, resulta necesario facer tres aclaracións previas.

Convén dicir, en primeiro lugar, que aquí obviamos todo ese debate en torno ao concepto deste xénero, que aquí imos denominar negro e policial, e imos entender como un macroxénero que inclúe todo tipo de subxéneros e correntes. E, como complemento desta idea de partida, convén aclarar tamén que aquí concibimos a novela negra galega no seu sentido máis lóxico; é dicir, a escrita orixinariamente neste idioma: o galego. Quedan fóra, polo tanto, da nosa selección todas aquelas autoras e autores que non cumpran esta premisa, como poden ser os casos da coruñesa Nieves Abarca ou da viguesa María Oruña. E a terceira aclaración previa que convén facer é que esta selección de novelas negras galegas vai abordarse dende unha perspectiva de “lector” e “autor”, non dende unha visión de teórico ou investigador desta temática, o xénero negro e policial, un xénero que, na actualidade, sen dúbida ningunha, é o que máis gusta ao lectorado de todo o mundo.

No caso de Galicia, este é o meu decálogo de preferencias e recomendacións: Resulta inevitábel comezar a selección con Crime en Compostela, a obra de Carlos G. Reigosa, aínda que só fose porque este ano se conmemora o corenta aniversario da súa publicación, xa que esta se produciu en 1984, recibiu o I Premio Xerais de Novela e está considerada coma o punto de partida do xénero negro e policial en Galicia, aínda que hai exemplos que demostran o contrario; sen ir máis lonxe, o caso máis evidente é a publicación en 1981 de Corrupción e morte de Brigitte Bardot, de Xosé Fernández Ferreiro. Pode discutirse que Crime en Compostela sexa a iniciadora do xénero en Galicia, pode discutirse a súa calidade literaria, pero o que resulta indiscutíbel é o seu éxito editorial, materializado en máis de 30.000 exemplares vendidos en 16 edicións. E tamén é evidente que este libro marca o inicio do uso das sagas con personaxes recorrentes, como elemento unificador das obras, unha práctica moi habitual no xénero, como veremos noutras recomendacións. No caso de Reigosa, os personaxes utilizados son o detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, que protagonizarán dende 1988 ata 2014 catro novelas máis. Pensando quizais nestas obras hai quen asegura que a novela negra galega “nace cando os negocios mafiosos do tabaco, o narcotráfico e as inmobiliarias entretecen a capos e políticos e fan apodrecer amplos espazos sociais”. Xa pola miña conta, atreveríame a dicir que esta novela foi unha contribución galega á democratización dos xéneros literarios, comparábel á que anos máis tarde sería a de Domingo Villar. E diría, ademais, que as obras destes dous autores, Reigosa e Villar, non só marcaron o inicio das dúas idades de ouro da novela negra galega senón que contribuíron á dignificación da narrativa de entretemento, á radiografía histórica e social de Galicia, á quebra da rixidez entre alta e baixa cultura, a dinamización do territorio galego, utilizado como promoción de espazos concretos e, o que é máis importante, contribuíron á incorporación e fidelización dun novo lectorado.

 

Antonio Tizón

Cultura

Publica o teu comentario agora