Para vellos e novos

Para vellos e novos
19 de Decembro, 2025 - 12:40 h. | Publicada por Radio Fene

Que a xente teña as mellores condicións de vida e a integración social. Niso traballan os Servizos Sociais de Fene, un departamento atento a todas as necesidades e cambios sociais. “Son a porta de entrada a un importante menú de servizos”, explica o concelleiro de Benestar, Manuel Polo, que fai balance do ano nesta área municipal.

ESCOITA O PODCAST:

“Non é para pobres”. Os Servizos Sociais son un área “moi transversal, atende a todas as franxas de idade, temos programas como os de Memoria e Envellecemento activo e o Refórzate para as necesidades educativas e de socialización da rapazada”. Manuel Polo anuncia que se traballa na reformulación dos Servizos Sociais para o futuro. Pasa por dispor do persoal para atender dúas importantes necesidades que afectan a escolares e maiores. 

“A pesar de que hai menos nenos e nenas hai máis problemas de falta de atención polas novas tecnoloxías”, sinala o concelleiro de Benestar. “Os nenos e nenas son o futuro do concello e unha clara liña de actuación municipal”. Reforzos e esixencia de melloras tamén na atención á dependencia porque “todos imos a maiores e gran parte da poboación maior vai necesitar destes servizos”. De feito, o Servizo de Axuda no Fogar é o contrato máis grande do Concello de Fene. En cifras, “1,4 millóns de euros, 57 traballadoras e 150 persoas atendidas”, resume o concelleiro. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora