A parroquia de Serén, en Friol, xógase a súa auga

A parroquia de Serén, en Friol, xógase a súa auga

30 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Hoxe deu comezo no xulgado nº 1 de Lugo a vista pola demanda presentada polo Concello de Friol e os veciños da parroquia de Serén contra a empresa Fontnatura pola incorporación dun treito de camiño real desta zona do municipio lucense. Os demandantes alegan que o camiño é de dominio público e, polo tanto, non pode ser modificado nin incorporado a unha propiedade individual por conta propia. A apropiació

A demanda reflicte un problema que deu comezo, segundo informan os veciños e a asociación ecoloxista ADEGA, a finais do ano 2005 cando, en virtude do disposto no derrogado Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, os veciños de Serén son informados polo concello da solicitude de licenza municipal para a construción dunha planta embotelladora de auga no seu mesmo núcleo rural. Tamén foron informados de que un dos herdeiros da Casanova de Serén, Alfredo Trabado Otero, era o concesionario dunha declaración e dun aproveitamento de auga mineral cun caudal de 9500 litros/hora. Esta concesión tiña os seus pozos de captación dentro mesmo do núcleo da parroquia, onde os veciños teñen os seus pozos de auga, as súas fosas sépticas e as fosas de xurro das súas explotacións.

Unha vez estudada a documentación, os demandantes observaron que, supostamente, Trabado Otero se apropiara ilegalmente dun treito de camiño público para unir dúas parcelas da súa propiedade e poder así xustificar ante a Consellería de Industria que, efectivamente, tal como lle esixe a lexislación, Fontnatura tiña pleno dominio sobre a chamada zona de restricións máximas de protección do manancial e pozos de captación da auga mineral.

Ademais, a organización ecoloxista e os veciños de Serén denuncian que a tramitación da devandita autorización fíxose sen a avaliación dos seus efectos ambientais, sen a delimitación das zonas de protección do manancial e cun informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, algo que cualifican como “administrativamente impresentable”.

A cuestión que preocupa especialmente aos poboadores de Serén é que non se definiron nin as zonas de restricións mínimas nin máximas, algo esencial por canto consideran que os seus pozos, imprescindibles para a súa vida diaria, teñen a mesma orixe que os que Fontnatura emprega para a súa actividade industrial. Desde ADEGA se informa que, de non prosperar a demanda, a extracción do caudal “non só vai deixar sen auga aos seus pozos, senón que vai conducir, a curto prazo, a que a contaminación procedente das súas fosas sépticas e fosas de xurro chegue aos pozos de captación de Fontnatura”, o que, “ante a declaración de utilidade pública que ampara a calquera declaración de auga mineral natural, vai implicar para os veciños a obriga de abandonar o núcleo de Serén ao non poder dispoñer de auga para o consumo e uso nas explotacións agrarias e para as instalacións de saneamento”.

Sociedade