Participación das mulleres no movemento estudantil galego

Participación das mulleres no movemento estudantil galego
07 de Abril, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

Mazarelos vén de presentar En loita (2026), un novo proxecto documental que recupera e visibiliza a participación das mulleres no movemento estudantil galego entre o tardofranquismo e os primeiros anos de democracia. A peza, desenvolvida en colaboración coa Asociación Memoria e Cinema e do grupo de investigación HISTAGRA, xa pode consultarse en aberto na súa web. O documental constrúese a partir das voces de catro mulleres pertencentes a distintas xeracións universitarias: María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra. A través dos seus relatos en primeira persoa, a peza aborda cuestións como o feminismo, a organización estudantil, a memoria e as formas de activismo desenvolvidas en distintos espazos e momentos.

A partir destas experiencias, as protagonistas reconstrúen unha historia colectiva na que
distintas xeracións de mulleres se suceden e dialogan entre si, asumindo o relevo da
mobilización estudantil en contextos diversos pero nunha mesma liña de loita pola
búsqueda de liberdade e pola incorporación do pensamento feminista.
Lonxe de presentarse como un produto pechado, o documental nace como un punto de
partida. O proxecto insírese nunha liña de traballo máis ampla da cooperativa Mazarelos
centrada na historia oral e na recuperación de memorias invisibilizadas, abrindo un proceso
de continuidade que busca incorporar novas voces, materiais e testemuños. Dende o
proxecto convidan a persoas e entidades a participar mediante a achega de documentación,
relatos ou experiencias vinculadas ás mulleres no movemento estudantil. O obxectivo é
construír un arquivo vivo que permita ampliar e complexizar esta historia a partir das
experiencias das mulleres.
Este proxecto foi galardoado na VII Edición dos Premios Luisa Villalta a proxectos pola
igualdade da Área de Igualdade da Deputación da Coruña.

 

Na imaxe, Sabela Mouriz, unha das participantes no documentario

Sociedade

Publica o teu comentario agora