Paxes da Cabalgata dos Reis

Paxes da Cabalgata dos Reis
15 de Decembro, 2025 - 12:49 h. | Publicada por Radio Fene

Fene abre este mércores o prazo para inscribirse como paxe na Cabalgata dos Reis Magos. O desfile sairá do Circulo de Perlío e discurrirá pola avenida Marqués de Figueroa, avenida Naturais de Fene para rematar na Praza Ramón Souto. 

As familias da rapazada, de entre 6 e 12 anos, que desexen participar como paxes reais, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude (descargable en www.fene.gal) a partir das 8.30 horas do 17 de decembro ate as 23.59 horas do 29 de decembro. As solicitudes presentaranse presencialmente no Rexistro Xeral (2º andar da Casa do Concello), en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h. Tamén se poderán presentar por vía telemática na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/sxc/gl/index.html) desde as 8.30 horas do 17 de decembro até finalizar o prazo establecido.

Presentarase unha ficha por cada neno ou nena, e cada persoa poderá rexistar 2 solicitudes como máximo (agás, no caso de irmáns). A selección dos paxes reais realizarase por orde de inscrición e o aforo é moi limitado.

A rapazada seleccionada deberá vir á Cabalgata con caracterización de paxes reais; pastores/as ou apalpadores/as. A caracterización será por conta dos pais e das nais dos menores.

A organización contactará coas familias con antelación suficiente,para indicarlles a carroza na que irán e os horarios. E o domingo día 5 de xaneiro, día da Cabalgata, deberán estar ás 17.00 horas ao pé da súa carroza, na rúa San Salvador (Pista CCRD Perlío), onde os/as monitores/as os/as acompañarán para acomodalos/as.

Unha vez chegadas as carrozas á Avda. do Concello, os paxes irán para o Salón de Plenos para reunirse coas familias e poder participar xunto coa resto de nenos/as na recepción real (sen prioridade na fila da recepción por ser paxe real).

Sociedade

Publica o teu comentario agora